21 Out 2017 O Concello de Tomiño presenta o seu novo Programa socio educativo “É Aprender” Esta quinta edición do programa, comezará a partires do vindeiro luns 6 de novembro.

É Aprender ten como obxectivo principal a mellora de capacidades e habilidades dos alumnos e alumnas dos centros educativos do Concello de Tomiño, brindando apoio escolar dun xeito gratuíto.

Crecemento académico, persoal, creativo e social son os diferentes escenarios baixo os que se encadra este Programa. O proxecto, busca destinar horas tanto a tarefas escolares e técnicas de estudo, como ao reforzo de outros aspectos psico-sociais: a autoestima, a motivación, a dinamización cultural, o traballo en grupo, etc.

O Concello de Tomiño é coñecedor da importancia que ten a busca dunha educación de calidade, polo que o programa continúa desenvolvendo melloras para avanzar cara á excelencia. Unha das boas novas que se introducen este curso é que ademais das reunións de coordinación cos centros educativos que xa se viñan realizando, tamén haberá reunións individuais coas familias con carácter trimestral, o que permitirá unha atención aínda máis personalizada e particularizada.

O proxecto É Aprender resultou un éxito en edicións pasadas, chegando a uns aproximadamente 50 inscritos e inscritas o ano pasado. “Este curso esperamos superar o número de persoas participantes da edición anterior do Programa, xa que continuamos traballando con moita ilusión e empeño para elo”, afirmou Blanca Fernández, Técnica de Educación do Concello de Tomiño.

As sesións impartiranse de 16:00h a 18:00h e de 17:30h a 19:30h, en función do grupo escolar, abarcando dende o nivel de 5º primaria ata 2º da ESO. A actividade ten unha periodicidade dun día á semana aínda que, coma novidade, este ano haberá un grupo con sesións dous días á semana.

Trátase dun Programa exemplar que traballa a favor da infancia e da adolescencia, e acadou importantes recoñecementos no eido socio-educativo. É Aprender foi un dos eixos principais que axudou ó Concello de Tomiño á consecución do premio da organización Unicef no seu VII Certame de Boas Prácticas, Dereitos da Infancia e Política Municipal do ano 2014.

As inscricións están abertas para todas aquelas persoas interesadas, e poden facerse no edificio de servizos sociais e cultura ou nos propios centros educativos ao longo de todo o curso. Para máis información, poden poñerse en contacto coa área de educación do Concello de Tomiño no teléfono 986622001 ou no enderezo electrónico aprender.tomino@gmail.com



X