A pleno unha MOCIÓN de coxapo, solicitando modificar O REGULAMENTO HIDRÁULICO A asociación considera arbitrarias as valoración e concesións de traídas da Confederación Hidrográfica

O Pleno do Concello de Tomiño prevé dar o seu apoio, hoxe, á moción da Asociación de Traídas de Augas COXAPO (con sede na parroquia de Estás), co fin de solicitar ao Parlamento Galego o cambio do artigo 124.2 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico, polo que se ven afectadas as traídas de augas.

Dito artigo especifica que, para a renovación da concesión, é necesaria unha certificación asinada polo alcalde ou alcaldesa, na que se aclare que o núcleo de que se trate, non pode ser abastecido pola rede municipal.

A Asociación de Traídas de Augas COXAPO é unha Asociación sen ánimo de lucro nacida no ano 2006, que aglutina a Traídas de Augas legalmente constituídas, representando nestes momentos a case 80.000 usuarios.

Segundo explica COXAPO na súa moción, “na actualidade, as Comunidades de Usuarios están véndose afectadas polo dubidoso rigor co que as Administracións aplican as leis, xa que lles están denegando as renovacións de concesións. A pesar de cumprir tódolos requisitos esixidos, tanto legais como sanitarios, e presentar certificados municipais firmados polos alcaldes, sobre a falta de rede municipal na zona, faise caso omiso por parte da Confederación Hidrográfica Miño Sil, realizando unhas valoracións arbitrarias, mediante os seus propios técnicos e resolvéndose as concesións de maneira negativa”.

Para conseguir modificar o citado regulamento estatal no ámbito galego, baseándose no feito de que a configuración orográfica (1) non é a mesma que a do resto de España, COXAPO necesita o acordo plenario. Ademais, está levando a cabo unha recollida de firmas entre a veciñanza, para facer forza ante o Parlamento Galego.

 

(1)  Antecedentes recollidos na moción:

Galicia ten máis de 30.000 núcleos de poboación dispersos polo territorio, onde habitan os seus 2.700.000 habitantes. Deles, 650.000 son usuarios de auga a través das Comunidades de Usuarios (ou Traídas).

As Comunidades de Usuarios, anteriormente coñecidas como Traídas de Augas, en Galicia xurdiron para paliar as carencias do servicio de abastecemento de auga no medio rural nos años 60. Ante a dispersión dos núcleos e a dificultade por levar a auga a tódolos puntos do territorio, miles de usuarios víronse sen servizo nas súas casas. Por iso decidiron ir agrupándose en zonas para aproveitar as augas subterráneas dos seus montes e, eles mesmos, levar a cabo a construción da rede que servirá a tódalas vivendas de cada núcleo de poboación.

Inverteron o seu diñeiro e o seu tempo en construír toda a rede (pozos de captación, depósitos, canalización e enganche nos fogares, etc.). Moitas veces, os propios usuarios eran os que traballaban en ditas obras para abaratar os costes. A Administración non foi capaz de resolver esta situación, deixando no esquecemento estes pequenos núcleos de poucos habitantes. Por iso pode dicirse que as traídas de augas, xurdiron para paliar as deficiencias da propia Administración.

Orde do Día completo

Orde do Día do pleno de carácter ordinario no Concello de Tomiño, ás 21 HORAS DO XOVES DÍA 13 DE XULLO