O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño reúnese o vindeiro mércores, 18 de abril, para ultimar a moción que levará a pleno pedindo o seu recoñecemento oficial O colectivo, integrado por nenos e nenas de Primaria e Secundaria, está promovido polo Concello de Tomiño de acordo ás recomendacións de Unicef

Mañá mércores 18 de abril, ás 18.30 horas, terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Tomiño, unha reunión do Consello da Infancia e Adolescencia deste municipio, co fin de dar as últimas pinceladas á moción que presentarán ao próximo pleno ordinario, pedindo o seu recoñecemento oficial.

Constituído por nenos e nenas de Primaria e Secundaria, o Consello ten coma presidenta a Sofía Areal, alumna do IES Antón Alonso Ríos e leva funcionando dende o 15 de decembro do pasado ano.

Dende a súa formación os compoñentes redactaron xa varias propostas de traballo, algunhas delas relacionadas coa organización de charlas sobre diferentes temáticas, obradoiros e actividades culturais e lúdicas relacionadas cos intereses da infancia e adolescencia tomiñesa.

O colectivo está promovido polo Concello de Tomiño de acordo ás recomendacións de Unicef, co obxectivo de cumprir os requisitos para ser declarada Cidade Amiga da Infancia e Adolescencia.