O desenvolvemento económico centra o debate do cuarto “focus group” celebrado entre Tomiño e Cerveira

O encontro, celebrado na Casa da Cultura de Tomiño esta mañá, enmárcase na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza, e reuniu a empresarios e técnicos das dúas localidades

No marco da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Cerveira-Tomiño 2014-2020, impulsada polos municipios fronteirizos de Tomiño e Vila Nova de Cerveira, celebrouse hoxe o cuarto e último “Focus Group” organizado conxuntamente baixo o título de “Desenvolvemento Económico. Sectores con potencial de colaboración; emprego e emprendemento”.

De esq. a der., Xavier Mnez. Covas, Sandra Gzlez., Fdo. Nogueira, Luís Ceias e Patricia Rguez. De esqueda a der., Xavier Mnez. Covas, Sandra Gzlez. e Fdo. Nogueira

O encontro, no que participaron empresarios e técnicos de distintos sectores económicos (produtores de planta ornamental, flor cortada, kiwi, vide; asesorías, servizos, comercio, etc.), estivo presidido polos rexedores locais de ambos os municipios, Fernando Nogueira (Cerveira) e Sandra González (Tomiño), tivo coma poñente a Xavier Martínez Covas, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e coma moderadores a Patricia Rodríguez (Asociación Cultivos Baixo Miño) e Luís Ceia (CEVAL) .

Os asistentes tentaron facer unha posta en común das necesidades e recursos de cada concello, co fin de contribuír a unha maior integración dos municipios na Euro-Rexión, e ao deseño de proxectos conxuntos que poidan presentarse a convocatorias de programas europeos.

Neste cuarto e último encontro, abordáronse temas coma a necesidade de coñecer mellor a normativa en materia empresarial que rexe dun e doutro lado da fronteira; trámites necesarios para novos emprendementos comerciais, requisitos económicos, fiscais, etc. Neste punto púxose de manifesto a necesidade de solventar previamente problemas burocráticos e legais que existen na actualidade, e dificultan unha maior relación comercial e empresarial.

Focus group 4 b Focus group 4. público.

O poñente, Xavier Martínez Covas, profesor de Economía Aplicada da UVigo, propuxo aproveitar a experiencia de ambas as localidades, así coma afianzar as relacións entre os técnicos de emprego e desenvolvemento dos dous municipios, de xeito que estes poidan informar ás persoas interesadas en establecer un negocio a normativa vixente, tanto en Galicia coma en Portugal.
O programa metodolóxico destes encontros desembocará na celebración das I Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño, no vindeiro mes de febreiro.

Máis información na web amizade-cerveira-tomino.eu ou enviando un correo a tomino@amizade-cerveira-tomino.eu

Facebook.com/amizadecerveiratomino

twitter.com/TominoCerveira