23 Mai 2014 O Espazo Fortaleza resulta elixido finalista do VI Premio de Arquitectura Enor, xunto a outros 19 obras de España e Portugal

Entre os membros do xurado atópase en calidade de presidente o recoñecido arquitecto portugués Eduardo Souto de Moura, gañador do Premio Pritzker 2011

O Proxecto de recuperación ambiental e posta en valor do entorno da fortaleza e praia fluvial de Goián (Tomiño. Pontevedra), do arquitecto Pablo Gallego Picard, vén de ser elixida finalista do prestixioso VI Premio de Arquitectura Ascensores Enor.

O proxecto coñecido coma “Espazo Fortaleza”, de Goián, foi primeiramente seleccionado entre 305 obras de España e Portugal, resultando elixido finalista antonte, nunha segunda fase, xunto a outras 19 obras, candidatas a ser recoñecidas co Gran Premio Enor e co Premio Enor de Arquitectura Joven.

O xurado, formado por Eduardo Souto de Moura (presidente), Carlos Quintáns Eiras (secretario), Juan Domingo Santos (Gran Premio Enor 2011), Fredy Massad, Luís Martínez Santa-María e Juan Creus, quixo recoñecer a calidade arquitectónica das obras finalistas, pero tamén a preocupación dos seus promotores por revalorizar os espazos públicos.

O fallo do xurado coas obras premiadas, e a presentación do libro da “VI edición de los Premios Enor”, terá lugar no mes de novembro de 2014.

Entre as obras seleccionadas finalistas, atópanse proxectos de moita envergadura de toda a Península, tales coma a ampliación da facultade de bioloxía celular e xenética da Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), a Biblioteca Pública de Ceuta, as Casas patio de Celrà (Xirona), 57 vivendas universitarias no campus da ETSAV (Sant Cugat del Vallés. Barcelona), Museu de Arte de Vila Nova de Foz Côa (Portugal), ou a Remodelação Xeral do Edifício sede do Banco de Portugal (Lisboa).

Espazo Fortaleza dende Vila Nova 2

O presidente do xurado deste premio, Eduardo Souto de Moura, é un recoñecido arquitecto luso que ten no seu haber o Premio Pritzker 2011, o máis prestixioso de cuantos se conceden á traxectoria dun arquitecto (concedido pola fundación norteamericana “Hyatt”) A este profesional pertencen proxectos tan importantes coma os de o estadio e mercado municipais de Braga, Metro de Oporto (Estación Casa de Música) e responsable da intervención levada a cabo na fortaleza de Valença do Minho.

Este é o cuarto recoñecemento que recibe o Espazo Fortaleza, despois de que fora seleccionado nos certames XII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo, Premios Lamp Lighting Solutions, e Premios FAD de Arquitectura, na categoría de Cidade e Paisaxe, na que competiu xunto a outras 400 de España e Portugal.

O concelleiro de Urbanismo do Concello de Tomiño, Uxío Benítez, amosou a súa satisfacción tras coñecer a decisión do xurado. “Con esta obra estamos a conseguir situar a Tomiño coma referencia sobre como promover a recuperación de espazos públicos”, explicou.

O tamén tenente de alcalde, comentou que esta nova distinción vén a reafirmar a labor do goberno local levada a cabo co fin de por en valor o patrimonio natural e histórico do concello e o seu interese pola recuperación de espazos públicos.

Para máis información sobre o VI Premio de Arquitectura Ascensores Enor e o nomeamento do Espazo Fortaleza coma finalista, pódese consultar a seguinte ligazón: link

 



X