O Patrimonio Cultural e Natural de Tomiño chega a Europa Da mán do IES Antón Alonso Ríos

No marco do Proxecto Erasmus+ Mémorie(s) que se está a desenvolver no IES Antón Alonso Ríos en coordinación con centros europeos de Alemaña, Francia, Grecia, Italia e Portugal, mocidade e profesorado veñen de pór en valor o rico patrimonio cultural e natural co que conta o Concello de Tomiño.

Este patrimonio amósase a Europa a través dun percorrido que se inicia no Mirador do Niño do Corvo, e pasa por lugares como a Fortaleza de Goián, o santuario de San Campio de Lonxe, a Pedra Furada de Vilachán, os Muíños de Vilameán, os petróglifos do monte Tetón, a igrexa de Santa Mª de Tebra, as Escolas Indianas, a Ponte Vella de Taborda sobre o río Cereixo, a área recreativa do río da Pedra… sen esquecer a pegada dos artistas da terra, e que finaliza nos remodelados, Mercado de Abastos e Praza do Seixo.

A actividade, que terá proxección en Europa, achégalle á mocidade europea, aqueles lugares que son parte da memoria individual e colectiva que forma a identidade propia dun pobo.