O pleno aproba uns orzamentos sociais e adaptados ao funcionamento dos servizos públicos O presuposto do concello de Tomiño para 2018 ascenderá a 7,2 millóns de euros e inclúe os fondos conseguidos a través do POPTEC para cooperación transfronteiriza

O concello de Tomiño xa ten listos os seus orzamentos para 2018. O goberno local aprobou por maioría en pleno este 29 de decembro os seus presupostos para o vindeiro ano, que ascenderán a un total de 7,2 millóns de euros e que inclúe os fondos conseguidos a través do POPTEC para a cooperacións transfronteiriza. Ademais deste eido,  outros eixos como a variante, o Plan de Melloras de Colexios ou o abastecemento e saneamento terán un aspecto prioritario no futuro do concello. Cun incremento de máis dun 6% con respecto ao ano anterior, para o concelleiro de Facenda, Uxío Benítez, trátanse duns orzamentos “sociais e adaptados ao funcionamento dos servizos públicos que ten logrado o concello de Tomiño nos últimos 10 anos”.

Dentro dos orzamentos para 2018 cóntase cunha partida de máis de 152.000 euros para a execución durante o vindeiro ano do proxecto da Avenida do Seixo, unha nova estrada que suporá a prolongación da provincial EP-3102 a modo de variante. Deste xeito, levaranse a cabo as accións recollidas no convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para levar a diante “un proxecto estratéxico para o futuro do municipio”.

O presuposto municipal aprobado inclúe os máis de 130.000 euros conseguidos para o desenvolvemento da Axenda Estratéxica de Cooperación Transfronteiriza Tomiño-Cerveira 2014-2020, un proxecto europeo cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea. Este proxecto de cooperación transfronteiriza coa Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira ten un importe global de 500.000 euros a desembolsar entre ambos os dous concellos ata o ano 2019.

Aposta polo persoal e o abastecemento de augas

Por outra banda, os orzamentos municipais para 2018 contemplan un incremento de máis de 100.000 euros no capítulo de Persoal para cumprir os valores da nova RPT (Relación de Postos de Traballo) do Concello de Tomiño, recentemente aprobada.

Entre os investimentos recollidos nestes presupostos para o vindeiro ano, volve a ser de vital importancia a “aposta polos servizos públicos de auga e saneamento”, para o que os orzamentos recollen unha partida de 50.000 euros en concepto de axudas ás traídas de augas, tal e como foi o compromiso da concelleira de Medio Ambiente este ano reiterando o apoio do concello ás traídas na procura dunha auga de calidade en todas as parroquias.

Entre outros proxectos recollidos nos orzamentos para 2018, o goberno municipal aprobou unha partida de 71.573 euros para a mellora de camiños nas parroquias de Forcadela, Piñeiro, Tomiño e Barrantes, que conta cunha subvención de Agader de máis de 59.000 euros.

Plan de mellora dos colexios

Para o goberno municipal a educación é unha cuestión estratéxica polo que se buscan cambios e mellora a longo prazo incluídos tamén nos orzamentos municipais. Por este motivo, o presuposto para 2018 ten reservada unha partida de 60.000 euros para o Plan da Mellora dos Colexios do municipio e que inclúe  programas tan destacables como o ‘É aprender’, actividades extraescolares gratuítas para os rapaces e rapazas, o apoio psicolóxico a menores do concello ou axudas a principio de curso para a compra de material escolar, entre outros.

Por outra banda, nos orzamentos aprobados onte se inclúe, entre outros investimentos, unha partida de 50.000 euros para o Plan de Compostaxe e melloras da recollida selectiva ou 30.000  para o Plan de Aforro, co que se pretende conter a factura da enerxía tanto do alumeado público como das instalacións de mantemento municipal como son edificios administrativos, centros educativos, culturais e deportivos.

Coa recente aprobación dos orzamentos o este venres “en tempo e forma para que non se vexa interrompido o funcionamento ordinario do Concello”, Tomiño convértese no segundo municipio da comarca en aprobar os seus presupostos e nun dos poucos da provincia en telos listos e aceptados antes de comezar o ano.



X