O Spartan Team de Tomiño ponse a proba na velada de boxeo Stars Battle 2 de Vigo Contundente vitoria de Ismael Pérez e derrota por KO técnico para Fabio Montenegro no seu debut e tras apenas uns meses de adestramento

O deporte tomiñés continúa a dar grandes pasos. O Spartan Team de Tomiño participou esta fin de semana na velada de boxeo Stars Battle 2, celebrada no pavillón de Bouzas, en Vigo, e regresaba a casa con sabor agridoce.

O inicio da velada arrancaba de cara para Ismael Pérez, que conseguía unha nova vitoria por puntos no primeiro combate da noite, impoñéndose de xeito contundente ao seu rival, e volvendo a demostrar o seu potencial nun bonito combate.

Non tivo tanta sorte Fabio Montenegro no seu debut, que foi derrotado por KO técnico no terceiro asalto a apenas trinta segundos do remate do combate despois de que o árbitro decidira deter o asalto por superioridade do seu rival. Derrota “con orgullo e valentía” deste boxeador que leva apenas uns meses de adestramento e que se enfrontaba a un contrincante do que o separaba unha considerable diferencia de peso.

No Campionato Galego de Full Contact

Por outra banda, representantes do Spartan Team Tomiño disputarán esta fin de semana o Campionato Galego de Full Contact, que se celebrará no pavillón Óscar Pereiro de Mos. O goianés Charly López competirá na categoría dos -71kg e tentará volver a revalidar un título que xa conseguira nos anos 2009 e 2010, mentres que o vigués aínda afincado no club de Tomiño Xavier Cacheiro fará a súa desputa na categoría dos -75kg.

O Concello de Tomiño que dar a noraboa a estes dous campeóns e a todos os deportistas do Spartan Team de Tomiño polo gran papel desempeñado nesta proba e por todo o esforzo dedicado a este deporte.



X