O V Desafío Terras de Turonio preséntase, por 5º ano consecutivo, coma o maratón BTT por parellas máis importante do norte de España A proba contará con preto de 450 participantes. A saída está prevista para as 9 da mañá

Reunión este mediodía no Concello de Tomiño.

 

O Desafio Terras de Turonio será, por 5º ano consecutivo, a gran cita do ciclismo de montaña, de longas distancias, por parellas.

A proba de BTT-Maratón por parellas que organiza a firma Team Relay en colaboración co Concello de Tomiño, celebrarase este próximo domingo 22 de abril, e está previsto que tomen parte nela preto de catrocentos cincuenta participantes.

A proba, que recibiu o premio de Mellor Evento Deportivo na IV Gala do Deporte tomiñés, celebrada o sábado pasado, foi presentada hoxe no Concello, despois da celebración dunha xuntanza entre Javier Sánchez, da organización; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; o concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, e representantes da Policía Local e Protección Civil.

Do mesmo xeito que nas edicións anteriores, o punto neurálxico da organización estará situado a tomiñesa Praza do Seixo, punto de saída e meta, desde o cal os ciclistas deberán afrontar un trazado de 104 quilómetros polas serras de Ou Argallo e da Groba que alcanzan desde a ría de Vigo ata o Río Miño. A saída está prevista para as 9 da mañá.

Coma comentou o concelleiro de Deportes, “na actualidade, o Desafío Terras de Turonio é a única proba das súas características en Galicia, que tras as súas exitosas primeiras edicións, pasou a ser unha cita destacada no calendario a nivel nacional”.

No seu método de realización as parellas que forman cada equipo deben permanecer en todo momento a unha distancia máxima de dous minutos entre ambos, tendo que presentarse xuntos na liña de meta. Esta circunstancia obriga aos seus compoñentes a desenvolver similares esforzos e a colaborar en caso de calquera contratempo.

As parellas participantes poden ser masculinas, femininas ou mixtas. Este ano, segundo comentaron os organizadores, hai apuntadas 9 parellas que superan, cada unha, os 100 anos de idade.

A beleza do percorrido e o reto de completar unha proba destas características, anima tamén a varios participantes de Portugal e algúns de Castela-León e Asturias, aínda que o 95% vén da propia Comunidade Galega.

 

Máis información: http://desafioterrasdeturonio.blogspot.com.es/

 



X