Os Teixugos conseguen oito novas medallas na 2ª competición da Liga Galega de Promoción do Slalom A proba celebrouse nas augas do río Tea, no lugar de Cordeiro en Salvaterra, coa participación de máis de medio centenar de pequenos/as padexeiros dos clubs galegos

Este domingo celebrouse nas augas do río Tea, no lugar de Cordeiro en Salvaterra, a segunda competición da liga galega de Promoción de Slálom, coa participación  dos máis pequenos dos clubs galegos. Algo máis de medio cento de pequenos padexeiros acudiron á cita. O Club Deportivo Miño estivo presente con nove piragüistas, a maioría dos cales tiveron dobre participación ao baixar en kaiak e canoa, rematando a xornada con oito podios.

En K1 Home Infantil, Sergio Rodriguez foi o gañador da proba, Alexis Segadaes subiu tamén ao podio co seu terceiro lugar,  Samuel Castro rematou quinto e Mateo Rivas, undécimo.

En C1 Infantil, o gañador foi Samuel Castro e o seu compañeiro Sergio foi segundo.

Na categoría Alevín masculino, Adrián LLuch rematou sexto en kaiak e oitavo en canoa.

Os representantes máis novos, Sergio Álvarez e Javier LLuch, remataron cuarto e quinto, respectivamente, na categoría benxamín masculina.

En categoría feminina os Teixugos solo contaron con participación na categoría Infantil, copando as dúas deportistas os podios de kaiak e canoa. En K1, Ainhoa Barreiro foi a gañadora e Alba Soutelo segunda, e en C1 a gañadora foi Alba, seguida por Ainhoa.

No resultado final por clubs, o Deportivo Miño volveu gañar cun total de 196 puntos, compartindo podio co Penedo Importa de Caldelas con 149, e o Montaña Quixos de Monforte con 120.

A vindeira cita dos Teixugos co slálom será esta semana na Seu D´Urgell, onde Luís Fernández e Brais Castro en canoa, e Manuel Ochoa en kaiak , intentarán superar os selectivos para formar parte do equipo español de slálom sénior e Sub-23.

Información e fotos achegadas por Rosa Fdez. Carrera.