Tomiño aposta forte polo teatro na súa oferta cultural de outono Na axenda tamén teñen cabida outras actividades, dirixidas especificamente á mocidade, coma un obradoiro de arquitectura práctica para non profesionais

A Concellería de Cultura do Concello de Tomiño, fai unha aposta decidida polo teatro na súa Axenda de Outono. Oito obras teatrais subirán a escena nos meses de outubro e novembro, a razón dunha por fin de semana. A maioría das propostas son para todo público e a un prezo simbólico de 3 euros para as persoas adultas, mentres que os nenos e nenas, non teñen que pagar nada.

A concelleira de Cultura, Cristina Martínez, explica que a intención do goberno local é a de “chegar ao maior número de persoas; de alí a eleccións das obras, e ao mesmo tempo, fomentar a igualdade, a tolerancia, a imaxinación e os valores en xeral”.

Abre o ciclo, o domingo 7 de outubro, no auditorio de Goián, a produción de Redrum Teatro “Roedores”; un espectáculo familiar que conta a historia dun hámster que escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade.

Seguiralle o sábado 13 de outubro, “Senior”, de Culturactiva SCG, cos actores Luís Iglesia e Marcos Orsi coma protagonistas.

O domingo 21 de outubro, a Agrupación de Teatro de Pontevedra, achegarase até o Mercado Municipal, para levar á escena, de balde, a obra “As fedellas Purpurina e Brillantina”, para público infantil e familiar.

O 27 Cándido Pazó traerá até o auditorio goianés “Historias que veñen e van”, un espectáculo de Contraproducións, con “contos, comedias e outras lerias”.

O domingo 4 de novembro, o auditorio de Goián acollerá a obra “Aire”, de María Fumaça, un proxecto musical que invita ao público a viaxar na locomotora da alegría. Será ás 18.00 horas.

O domingo 11 de novembro, Matrioshka Teatro, presentará no auditorio “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”, un percorrido pola vida da escritora María Victoria Moreno. Ás 18.00 horas e coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

“Os fillos do Sol”, unha “elucubración teatral sobre a figura de Eduardo Pondal”, de Contraproducións, chegará o sábado 17 de novembro, ás 22.00 horas, no auditorio de Goián e para maiores de 12 anos.

A coprodución de A Panadería e o Centro Dramático Galego “Elisa e Marcela”, pechará o ciclo de teatro de outono, dando paso á programación de Nadal. Trátase dunha obra na que non faltan o humor, a música e o traballo de actor e actriz, desafiando as regras da igualdade de xénero nunha época no que non estaba permitido o amor nin o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.

Na axenda de outono tamén teñen cabida outras actividades,coma as exposicións, xogos tradicionais, obradoiros infantís ou deportes (Tai-Chi-Chuan e defensa persoal feminina).

Tamén accións dirixidas especificamente á mocidade e ás persoas maiores, coma un obradoiro de arquitectura práctica para non profesionais (grupo de adultos e infantil), ou unha charla sobre trastornos depresivos e ansiedade, de balde.

Esta charla vai destinada principalmente a persoas maiores, coidadores e familias, aínda que a participación está aberta a toda a veciñanza. O seu obxectivo é sensibilizar á poboación sobre a importancia dos hábitos de vida saudables e fomentar a saúde física e psíquica, tanto na mocidade, como nas persoas dependentes e nos seus coidadores ou coidadoras.

Toda a información pode atoparse na páxina web  do Concello (tomino.gal), ou ben, en formato papel, no propio Concello ou no mercado municipal; na OMIX, etc.

 

 

 



X