Tomiño aproba en pleno un regulamento de emerxencia social Durante a sesión, apróbase tamén unha modificación para que a nova denominación do irmanamento existente sexa Eurocidade Cerveira-Tomiño

O Concello de Tomiño aprobou en pleno de forma inicial, un Regulamento de Emerxencia Social, co propósito de establecer dentro do seu Programa de Inclusión Social, un conxunto de dereitos e recursos de carácter municipal, para a cidadanía en risco de exclusión.

O texto normativo regula as condicións de acceso ás prestacións municipais contempladas na ordenanza.  Trátase de prestacións económicas de pago único que teñen por obxecto, atender situacións de carácter urxente, transitorio, puntual e previsiblemente non repetible. As axudas de emerxencia social están incardinadas nun proceso de intervención social que inclúe unha análise da situación individual e familiar, por parte da traballadora social de referencia.

A concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, explicou que poderán ser beneficiarias destas axudas, as persoas individuais ou unidades familiares empadroadas e residentes no concello, que carezan de medios económicos, e nas que concorran factores de risco ou emerxencia social e precisen dunha axuda para satisfacer as súas necesidades básicas, sempre como un apoio á intervención social”.

O Concello de Tomiño ten manifestado un claro compromiso polo Benestar adicando unha parte importante do seu orzamento á concellería de Benestar. Programas como emerxencia social, o servizo de axuda no fogar, axuda a menores en situacións problemáticas etc.  Son unha prioridade do goberno municipal.

O regulamento aprobado onte en pleno establece os requisitos e condicións que deberán reunir as persoas beneficiarias para poder acceder ás devanditas axudas. Será sometido a exposición pública para alegacións e posteriormente á súa aprobación definitiva.

A ordenanza contou cos votos a favor dO BNG, PSdeG- PSOE e CdT, absténdose o grupo popular, co cal o resultado da votación é de 13 a favor e 4 abstencións.

Na sesión, de carácter ordinario, aprobouse tamén unha modificación da Ordenanza municipal de xestión de biomasa, co fin de establecer as condicións para a xestión da biomasa e a fixación de distancias para plantacións, nos terreos urbanos, de núcleo rural ou urbanizables de Tomiño.

O Concello emprenderá unha campaña informativa de cara ao próximo verán, para que todos os veciños e veciñas sepan cales son os seus dereitos e obrigas tanto en terreos rústicos, como de núcleo.

A alcaldesa de Tomiño criticou a actitude da Xunta de Galicia, con respecto aos terreos rústicos que son da súa competencia, xa que unha vez máis deriva as súas responsabilidades aos concellos, obrigándolles a ter persoal para notificar, verificar e mesmo facer execucións subsidiarias.

O resultado da votación foi BNG e PP a favor e CdT e PSdeG-PSOE abstención á espera de facer alegacións, sendo  14 votos a favor e 3 abstencións, precisando tamén para a súa aprobación definitiva que transcorra o periodo de alegacións.

Por último, aprobáronse definitivamente as Contas 2017, nos termos que esixe a lei, e unha adenda na Carta Amizade Cerveira-Tomiño, para que o irmanamento existente entre ambas as vilas, pase a denominarse a partir de agora “Eurocidade Cerveira-Tomiño”. Estes dous puntos aprobados por unanimidade do plenario.

 

 



X