Tomiño aproba, por unanimidade, a creación dunha sede electrónica A veciñanza poderá, en breve, realizar trámites e consultar expedientes para coñecer o estado do procedemento, se é parte interesada

Tomiño implanta nestas semanas a nova Sede Electrónica do Concello, sumándose ao proceso de modernización xeral das Administracións, que ten coma finalidade facilitar e axilizar a xestión dos expedientes, tanto dentro coma fora do Concello.

A decisión de crear a sede electrónica foi tomada de forma unánime no último pleno ordinario, celebrado a semana pasada.

Tras un proceso de formación específica, os traballadores do Concello, comezaron a tramitar algúns expedientes, e está prevista a desaparición paulatina do papel a mediados do ano que vén, aínda que o cidadán que así o prefira poderá seguir presentando as súas solicitudes de forma presencial.

Esta nova forma de traballo dixital e centralizada, facilitará os trámites, tanto na súa xestión interna, coma de cara á cidadanía, e servirá tamén para arquivar os expedientes dunha forma máis segura e eficaz que na actualidade. “Deste xeito, todo o procedemento gañará en transparencia, control e eficacia”, explica Antonio Tartaglione, concelleiro de Réxime Interior e Promoción Económica, quen prevé que a sede estea operativa tamén para a cidadanía nos vindeiros meses (avisarase puntualmente).

A sede electrónica do Concello conterá ademais toda a información sobre os procedementos e trámites a seguir na administración Local, con especial mención dos dispoñibles en formato dixital. Asemade, estará dotada con información actualizada de forma permanente sobre as autoridades competentes en cada servizo municipal.

Os diferentes tipos de escritos, comunicacións e solicitudes que poidan presentarse ante o Concello, estarán tamén dispoñibles na sede electrónica, así coma un buzón de queixas e suxestións para a veciñanza, que poderá obter copias electrónicas dos trámites realizados, coa data e hora correspondente, feito que garantirá a integridade do procedemento.

Por outra banda a xestión electrónica dos trámites complementarase cun xestor de incidencias, que se porá en marcha en breve, e que significará unha xestión e resolución máis áxil e segura de todas as incidencias que se presenten en cada unha das áreas e servizos municipais.

 

 

 

 



X