Tomiño e Cerveira organizan a I ANDAINA EUROCIDADE O DOMINGO 7 DE OUTUBRO A actividade terá unha duración aproximada de 2h30 minutos, con saída ás 9.45 (hora galega) desde o Parque de Lazer do Castelinho na vila portuguesa

Cerveira e Tomiño comparten unha nova xornada deportiva. O domingo 7 de outubro, o Parque de Lazer do Castelinho (Cerveira) e o Espazo Fortaleza de Goián uniranse nunha andaina que percorrerá os 10 kilómetros de ida e volta nun circuito considerado de dificultade moderada/baixa.

A I Andaina Eurocidade Cerveira Tomiño, promovida conxuntamente polos dous concellos,  terá unha duración aproximada de 2h30 minutos, con saída prevista para as 9:45min (hora galega) desde o Parque de Lazer do Castelinho na vila portuguesa.

As persoas interesadas en participar deben enviar o seu nome, apelidos e idade ao correo electrónico: geral.manos.sa@gmail.com. A inscrición é de balde.

A andaina forma parte do programa Deporte para todas as persoas, actividades deportivas gratuítas promovidas conxuntamente polos concellos de Tomiño e Cerveira. Este programa de promoción da práctica de exercicio físico inclúe a Piscina en familia, o primeiro sábado de cada mes, para nenas e nenos de 3 a 12 anos acompañados de familiares; actividades para maiores de 55 anos, todos os martes e xoves; e práctica de diversas modalidades deportivas (pilates, ximnasia, zumba, fitness e actividades afíns) en parroquias de Tomiño e nos IPSS (“Instituição Particular de Solidariedade Social”) de Vila Nova de Cerveira.

Deporte para todas as persoas é unha das iniciativas impulsadas pola Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.



X