Tomiño participa como modelo de boa xestión nas Xornada “Os abastecementos veciñais a estudo. Propostas de xestión” A Xornada foi organizada pola Fegamp que escolleu a Tomiño e Abegondo como os municipios innovadores a nivel galego

 A Alcaldesa e a Concelleira de Medio Ambiente foron as encargadas de comunicar as experiencias no Concello de Tomiño

O Concello de Tomiño foi escollido pola Fegamp xunto co Concello de Abegondo á nivel galego para explicar as xestións levadas a cabo en materia de auga e polo apoio ás comunidades de usuarios.

A participación de Tomiño correu a cargo da Alcaldesa, Sandra González, que explicou a xestión do Concello de Tomiño en materia de auga, e a Concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, quen detallou máis polo miúdo as actuacións concretas do Concello nesta materia. A comunicación levaba por título “Plan Plurianual do Concello de Tomiño para apoiar ás comunidades de augas” e deu a coñecer as accións desenvolvidas do Concello de Tomiño en materia de administración sanitaria, apoio técnico e liña de axudas en colaboración coas comunidades de usuarios do municipio e Coxapo.

A Alcaldesa destacou a labor dos veciños e veciñas que nos anos 60´ investiron na creación dunha rede de abastecemento dando servizo aos fogares dun ben de primeira necesidade como é a auga. Estas actuacións se levaron a cabo en todas as parroquias do municipio suplindo unha labor da administración pública, naquelas anos case inexistente.

Na súa intervención, a Alcaldesa lembrou o valor patrimonial e cultural que ten a auga e que ten que ver cos esforzos dos veciños e veciñas que de xeito desinteresado desenvolveron unha labor que significou benestar e progreso. Segundo a Alcaldesa “o Concello ten unha obriga coas comunidades de augas pola labor que desenvolveron durante todos estes anos.” Tamén destacou que “a actuación municipal a través do plan plurianual ten como finalidade a mellora integral de todas as traídas e que nun prazo de 5 anos todas cumpran coa normativa actual na materia”.

Pola súa banda, a Concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, explicou a liña de axudas do 2018 e que foron publicadas o pasado 3 de maio. O Plan plurianual deste 2018, explicou a Concelleira, materialízase nunha liña de axudas competitivas destinada a co financiar proxectos para mellora dos sistemas de captacións de augas, como poden ser fontes, pozos ou o entorno dos mesmos. Por outro lado, a mellora dos sistemas de almacenamento e potabilización, como os depósitos e equipos de filtrado, decantación e cloración. E por  último, o terceiro obxectivo da liña de axudas é a extensión ou mellora  dos sistemas de distribución de auga.

Ademais da liña de axudas competitivas, o Concello co financia, para todos os comunidades de augas, unha serie de investimentos e gastos asociados coa mellora na transparencia e publicidade do estado das augas, coa potabilización obrigada das augas de consumo, e coa documentación que as comunidades deben ter obrigadamente. Entre estas axudas directas e xeralizadas,  están os controis obrigatorios da calidade das augas, os consumibles para a cloración e a elaboración de Protocolos Sanitarios ou inscrición no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo.

A Concelleira de Medio Ambiente, fixo un balance da situación actual das comunidades de augas do municipio en base a nova normativa na materia. María Xosé Vázquez, contabilizou dun total de 31 comunidades de augas, 22 están en poder do certificado dixital, 28 teñen elaborado o protocolo sanitario, 26 contan con checker para realizar analíticas e 12 están dadas de alta no SINAC (Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade).

Segundo a Concelleira, María Xosé Vázquez, “o obxectivo do plan plurianual de apoio ás comunidades de augas veciñais é que nun prazo de 5 anos todas acaden a maior calidade da auga. Mais tamén é un reto para nós que as comunidades de usuarios acaden a dignificación, a valoración e o recoñecemento social polo seu esforzo e traballo desinteresado ao longo de máis de 50 anos”.

A Fegamp organizou esta xornada co fin de promover a reflexión e o aproveitamento de sinerxías entre os concellos galegos para que afronten a regularización sanitaria e administrativa dos abastecementos veciñais do seu territorio, apoiándose en experiencias e procedementos xa implementados, e que lles poden facilitar o percorrido deste camiño como son os casos de Tomiño e Abegondo.

O encontro estaba dirixido ao persoal ao servizo das administracións públicas, alcaldes, concelleiros, comunidades de usuarios e interesados en xeral. A xornada tivo lugar no salón de actos do Edificio Cersia en Santiago de Compostela en horario de 9 a 14h.

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mostrou a súa satisfacción pola boa acollida das iniciativas levadas a cabo dende o Concello de Tomiño e que estas actuacións conxuntas coas comunidades de usuarios xestionas por veciños e veciños e coa colaboración de Coxapo sexan escollidas como exemplo de xestión a nivel de toda Galicia. Segundo a Rexedora “no Concello de Tomiño levamos tempo traballando de xeito directo coas traídas de augas que xestionan un ben de primeira necesidade como é a auga. Unha xestión responsable e exemplar que dende o Concello de Tomiño valoramos de xeito positivo e coa que colaboramos de activamente”.

 



X