Tomiño presenta o seu modelo de mercado nun congreso especializado en A Coruña A alcaldesa, Sandra González, explicou a transformación da praza de abastos do Seixo cara as novas necesidades dos consumidores sen perder a súa esencia

Un lugar que aposte polos produtos locais, de calidade, pero que tamén se converta en punto de encontro do municipio. É o que pedían os veciños e veciñas de Tomiño para a praza de abastos do Seixo, un mercado de finais dos anos 50 no que xa se fixeran distintas reformas que non conseguiran reflotar a actividade. Por iso, cando o actual goberno municipal quixo afrontar unha nova mellora preguntou á veciñanza que quería. O resultado tras ano e medio de traballo foi unha praza de abastos con 11 postos de venta e 17 traballadores e un numeroso público todos os días.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presentou este cambio radical da praza de abastos no I Congreso de Mercados Urbanos Sostibles que se está a celebrar en A Coruña, no que o mercado tomiñés se presentou como un exemplo de transformación cara aos novos hábitos de consumo sen perder a súa esencia. Durante dous días e a través de distintas mesas redondas neste congreso estanse a dar a coñecer aqueles modelos de mercados nos que as prazas pasan a ser lugares de experiencia turística, nas que hai convivencia entre o uso alimentario e de hostelería, e naqueles que se están a levar a cabo estratexias de recuperación desde a innovación e a tradición.

Facendo unha composición de lugar, a alcaldesa explicou ao público asistente a situación na que se atopaba antes o mercado da praza do Seixo, con actividade de “carácter temporal, coa venda de peixe os mércores, que ocupaba o lugar central e que facía que o espazo parecera permanentemente baleiro o resto dos días”. A calidade dos produtos ía degradándose co paso do tempo e os clientes eran cada vez máis escasos e de avanzada idade.

Tras un proceso participativo no que se incluíu a toda a cidadanía, o Concello desenvolveu un estudo de necesidades, un plan de usos e un proxecto de reforma e ademais de buscar novos praceiros e praceiras deuse formación aos que xa tiñan o seu posto alí. O resultado foi un mercado moderno, con novos postos de venta con produtos de calidade e con cada vez máis usuarios, cada vez máis novo que busca produtos de calidade e que axuda a revitalizar o comercio próximo. Ademais, converteuse nun lugar empregado para a compra de consumidore de fóra da vila, de visita dos turistas e de punto de encontro para a poboación.

González sinalou durante a presentación que “non chega con reformar, hai tamén que buscar a excelencia en todos os ámbitos, o factor humano, os produtos, o propio edificio, as actividades… Non chega con ser bos, hai que aspirar a ser mellores cada día”. “O rural xa non é aquel lugar onde nunca pasaba nada. As vías de comunicación, internet, os medios de comunicación, están permitindo que xentes de todo tipo viva no rural. Temos que pensar en que está pasando polo mundo adiante para non quedar fóra, pero tendo moi presente que é o que nos desde o local podemos achegar e marcar a diferenza”, salientou.