Tomiño recibe unha axuda da Obra Social La Caixa para levar a cabo un programa de intervención familiar que permita previr situacións de marxinación social en menores O proxecto denomínase “Medrando en familia” e abrangue accións individualizadas e colectivas en familias en risco de exclusión

La Caixa , a través do seu programa de obra social, ven de aportar ao Concello de Tomiño 4.950 € para realizar intervencións individuais de estimulación temperá no entorno familiar, co fin  de previr situacións que poidan desencadear na marxinación social e educativa.

A axuda, que se materializou onte no Concello de Tomiño, procura influír no benestar dos máis cativos, a través dun proxecto de intervención sociocomunitario, denominado Medrando en Famlia, centrado prioritariamente nas familias con menores de 6 anos.

Así o manifestaron os responsables da oficina de La Caixa de Tomiño, acompañados do director de Área de Negocio, Igor de las Heras, durante a sinatura do correspondente convenio. Este explicou que a entidade busca investir fondos en iniciativas que, aínda que non sexan moi cuantiosas, incidan na calidade de vida dos cidadáns con menos recursos, auqueles que non poden acceder en igualdade de condicións á educación ou a terapias socio educativas, familiares, etc.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada pola concelleira de Benestar e a educadora do Concello, agradeceu o interese espertado polo proxecto presentado polo Concello ante La Caixa. Explicou que o obxectivo do programa é o de estimular o establecemento de pautas básicas no eido familiar, fomentando hábitos positivos de comunicación e interacción entre nais, pais e fillos ou fillas. “Consideramos que a través deste proxecto socieducativo, centrado na estimulación temperá, podemos detectar e traballar, de maneira coordinada coa familia, facendo as derivacións oportunas e dotando de recursos para previr a exclusión social, a pobreza educativa infantil, etc.”, comentou a rexedora.

O programa abrangue tres áreas principais de intervención: espazos de encontro, de carácter grupal, nos que abordar inquedanzas colectivas; obradoiros de traballo en familia, e intervención individualizada no entorno familiar, nos casos que se detecten disfuncións.

As características de Medrando en Familia, son a flexibilidade, é dicir, que se irá adaptando ás necesidades da poboación obxecto de intervención; a apertura a toda a comunidade, tendo como prioridade as familias que se atopen en risco de exclusión social por causas económicas ou carencias de habilidades parentais; a participación, xa que os protagonistas se converten en axentes activos establecendo propostas de mellora para dar resposta á súas necesidades, e por último, a interdisciplinariedade, xa que tenta abranguer as áreas familiar, social, educativa e sanitaria, sen perder de vista principios como a igualdade e a equidade.



X