Tomiño segue avanzando no seu saneamento en Rexidouro, Vilachán, Arrotea e Carregal de Abaixo O concello tamén comezará obras de asfaltado na estrada de Barrantes cara Cristelos

O Concello de Tomiño segue a traballar para levar o saneamento ao maior número posible de vivendas, tanto nos núcleos do municipio como nas parroquias. Dentro deste plan de actuación están contempladas as tres obras que se están a desenvolver nestes intres para permitir que os veciños e veciñas de Rexidouro, Vilachán, Arrotea e Carregal de Abaixo poidan engancharse á rede municipal.

“En todo o tempo que levamos no goberno municipal sempre estiveron activas unha ou dúas obras de saneamento, polo que avanzamos a un bo ritmo. A dispersión xeográfica do concello dificulta que poidamos levar este servizo a todos os lados, pero seguiremos traballando para conseguir ampliar a rede o máximo posible”, asegurou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, durante unha visita este mércores 17 ás intervencións xunto ao concelleiro de Obras, Francisco Campo.

Obras en marcha

As melloras no barrio de Rexidouro, na parroquia do Seixo, consisten no enganche dos novos ramais de colectores de augas residuais para conectalos ao colector xeral xa existente que vai á estación depuradora situada en Figueiró. Cun orzamento de 200.000 euros, esta obra permitirá que arredor de 60 novas vivendas se conecten ao saneamento.

Pola súa banda, as obras no barrio de Carregal de Abaixo, na parroquia de Amorín, permitirá darlle servizo a 40 novas vivendas. Cun orzamento de preto de 200.000 euros procedentes de fondos propios e do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, os traballos permitirán que o pozo de bombeo que impulsa as augas cara o colector de Forcadela teña a potencia adecuada ao número de vivendas que vai a atender.

As primeiras obras en comezar este 2018 foron as dos barrios de Vilachán e Arrotea, que durarán arredor de catro meses. Pero non serán os únicos traballos de mellora que comecen este mes: a vindeira semana está previsto que arranquen os traballos de asfaltado no entronque da estrada a Barrantes, cara Cristelos.

Estas obras forman parte da iniciativa do Concello de Tomiño para seguir ampliando o saneamento no municipio, cunha rede que pasou de cubrir a tan só o 20% das vivendas en 2007 a dar servizo a preto do 60% das propiedades tomiñesas este ano. Para logralo, o goberno municipal investiu ao longo destes anos uns 6,5 millóns de euros na ampliación da rede de saneamento e iniciou unha campaña de información para incrementar as conexións á rede, que conta cunha bonificación se se fai no momento da construción do tramo de saneamento.