Visita a Tomiño e Cerveira para escoller o mellor deseño para a ponte peonil que unirá as dúas beiras do río Presentáronse 24 propostas que contemplan os máis diversos deseños e materiais

O vindeiro 19 de xaneiro o xurado cualificador e o comité técnico asesor do concurso de ideas para a nova ponte peonil entre Tomiño e Vilanova de Cerveira visitará ‘in situ’ o treito do río no que se instalará o futuro viaduto.

O obxectivo do encontro, organizado polo Concello de Tomiño e a Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira, é que todos os membros poidan coñecer en persoa o espazo natural e patrimonial no que se integrará a ponte. A visita incluirá o cruce en barco da canle do río para dispoñer de todas as perspectivas posibles de cada unha das propostas.

Xurado e comité terán que analizar os 24 deseños presentados tendo en conta cuestións de mobilidade, medio ambiente, patrimonio e navegabilidade, entre outras, ademais de valorar a súa executabilidade na realidade. Na seguinte reunión oficial, o 1 de febreiro, puntuarase de xeito oficial cada proposta e farase unha criba que finalizará coas tres ideas gañadoras e unha en reserva.

Entre os deseños presentados hai propostas moi dispares, dende estruturas atirantadas e pontes colgantes ata taboleiros simples instalados en pilares sobre o río pasando por percorridos redondeados, rectos ou en zig-zag, e todo tipo de materiais. Soamente coinciden nun aspecto: todos eles conforman miradoiros para gozar da paisaxe.

A redacción do deseño da nova ponte peonil e ciclista sobre o Miño está encadrada no proxecto VISIT_RIO_MINHO presentado á primeira convocatoria do Programa Operativo España-Portugal (POCTEP) 2014-2020 Interreg V-A, nunha candidatura conxunta liderada pola Deputación de Pontevedra coa CIM Alto Minho, os concellos do norte de Portugal, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar e a Universidade de Vigo. Este proxecto obtivo un cofinanciamento do 75% de fondos FEDER no marco da referida convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de dous millóns de euros, cunha achega da Unión Europea que ascende a 1.500.000 euros.



X