Máis de 100 escolares daranse cita este sábado en Tomiño no Campionato Provincial de Tenis de Mesa

As xornadas, organizadas pola Secretaría Xeral para o Deporte, dentro dos Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar (Xogade), contan coa colaboración do Concello de Tomiño, Agrudebam e Club de Tenis de Mesa Monteferreiros

 

Esta mañá presentouse no Concello de Tomiño o Campionato Provincial de Tenis de Mesa, organizado pola Secretaría Xeral para o Deporte (Xogos

Galegos Deportivos en Idade Escolar), coa colaboración do Concello de Tomiño, Agrudebam e Club de Tenis de Mesa Monteferreiros, e que se celebrará mañá sábado, 20 de maio, no Pavillón Polideportivo de Sobrada, coa participación de máis dun centenar de xogadores.

Á presentación desta mañá acudiron o coordinador Provincial de Deportes, Guillermo Reinaldo; o presidente de Agrudebam, Alfonso Lorenzo; o presidente e máis o secretario do Club de Tenis de Mesa Monteferreiros, Jacinto Fernández e Lino González, respectivamente, e por último, o concelleiro de Deportes do Concello, Ismael Troncoso.

Nas xornadas competirán 114 xogadores escolares e federados; a maioría procedentes das comarcas do Baixo Miño e Val Miñor.  Acudirán participantes de varios colexios e clubs da provincia, xa que se trata dunha xornada na que se pretende promocionar este deporte, como remate ás competicións celebradas nas diferentes comarcas.

A competición, que comezará ás 9.30 horas e rematará sobre as 14.00, contará con 16 mesas regulamentarias, nas que terán lugar máis de 250 partidos, arbitrados por tres árbitros profesionais e tamén algúns xogadores. Haberá medallas de ouro, prata e bronce para os tres primeiros clasificados de cada unha das categorías: benxamín, alevín, infantil e cadete.

O concelleiro de Deportes de Tomiño reiterou o apoio do Concello ao deporte de base e asegurou que “é un privilexio para nós que se organice esta proba no noso concello, máis aínda cando se trata dun deporte non maioritario, coma este”.

Pola súa banda, o coordinador provincial de Deportes, explicou que a idea é promocionar o tenis de mesa na zona, polo que se enfrontarán xogadores escolares con outros xa federados, e agradeceu a colaboración na organización do campionato.

 

Neste enlace pode consultarse a normativa da competición:

Normativa Provincial TM

 

Na foto  aparecen, de esquerda a dereita:

Alfonso Lorenzo, Lino González, Jacinto Fernández, Ismael Troncoso e Guillermo Reinaldo.