O colexio público de Sobrada contará con tres novas aulas de Educación Infantil no mesmo edificio que as de Primaria

Ceip Sobrada 8O xefe territorial de Educación visitou onte o centro para anunciar o investimento, longamente demandado polo Concello, de 250.000 euros

O colexio público de Sobrada (Tomiño), verá materializada unha vella aspiración, que vén demandando á Xunta hai varios anos.

Onte a mediodía, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, visitou o centro para anunciar o investimento de 250.000 euros na construción das aulas de Educación Infantil no mesmo edificio en que están as de Primaria. Até o de agora, os máis pequenos tiñan que asistir a clase na antiga escola unitaria, situada en fronte do CEIP, e tendo que cruzar a estrada que as separa para realizar varias das actividades, como educación física, visitas á biblioteca, etc. O que resulta incómodo en días de chuvia e reviste certa perigosidade.

Ceip Sobrada 2

Segundo explicou Rafael Bouzas, arquitecto xefe da Unidade Técnica, a obra consistirá en utilizar un dos patios cubertos do centro para construír, nos seus 230 metros cadrados de superficie, tres aulas de Infantil cos seus respectivos aseos adaptados; unha sala de psicomotricidade e usos comúns e un pequeno almacén.

Desta nova instalación, que estará dotada de iluminación de aforro enerxético e dúas ramplas de acceso, beneficiaranse cincuenta nenos e nenas de Educación Infantil que, na actualidade asisten ao colexio regularmente.

Durante a visita ao centro, acompañaron ao xefe territorial os concelleiros de Obras e Medio Rural, Francisco Campo Lago, e Lois Vázquez, respectivamente, xa que a alcaldesa, Sandra González, asistía a esa mesma hora a unha cita en Augas de Galicia.

DSC_0343 DSC_0355 DSC_0350

A rexidora local agradeceu este novo investimento, pero lamentou que non se fixera antes, xa que deste xeito, o Concello non houbera investido importantes partidas en acondicionar a escola unitaria á que asiste o alumnado de Infantil na actualidade.