O CONCELLO DE TOMIÑO PREPARA UN NOVO PROXECTO DE VOLUNTARIADO A FINANCIAR CON FONDOS EUROPEOS

O Concello de Tomiño prepara o seu novo proxecto de voluntariado europeo polo cal dous moz@s doutros países residirán no municipio e durante un ano participarán en programas de educación, deportes e saúde locais. O Concello de Tomiño profundiza nesta liña de traballo con programas de voluntariado europeo. A andaina comezou no ano 2009 co programa de Xuventude en Acción promovido dende a OMIX. A través deste primeiro programa mozos de Tomiño puideron beneficiarse de cursos de formación noutros países e o mesmo de mozos e mozas doutros países en Tomiño. No ano 2012 Tomiño participa no programa “Europa nas Fronteiras” a través do cal Marin de Estonia e Iwona de Polonia se mudaron a Tomiño durante un ano e participaron de forma activa en programas de formación, dinamización cultural e deportiva locais. No ano 2013, tocoulle o turno a Sandra de Rumania e Joannis de Grecia. Non só mozos e mozas doutros países europeos se beneficiaron deste programas europeos senón que os voluntarios de Tomiño participaron en actividades formativas e intercambios noutros países como Chequia. O actual programa de voluntariado do que Tomiño é o único Concello de Galicia que participa, inclúe coordinación de cursos de formación e obradoiros relacionados co deporte e a saúde. Tamén o programa “é aprender” e os proxectos infantís coorganizados con Unicef contará co traballo dos dous novos voluntarios europeos que en xaneiro comezarán o seu traballo en Tomiño. A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca “a traxectoria de Tomiño na programación do voluntariado europeo e o esforzo do equipo técnico para que os mozos e mozas do concello se poidan beneficiar profesionalmente de formación noutros países”.