20 Xuñ O Concello organiza un novo curso de formación de adultos co fin de preparar ao alumnado para obter o Graduado en ESO por libre
O Concello de Tomiño organiza un novo curso de formación de adultos co obxectivo de preparar ao alumnado para obter o graduado da ESO por libre.
Os requisitos para inscribirse no curso serán:
- Estar empadroado en Tomiño.
- Non estar matriculado oficialmente en ningún curso da ESO, en ningún centro educativo de Galicia.
- Cumprir 18 anos antes do 8 de setembro de 2016, para acceder ás probas por libre para obter o título da ESO.
As persoas interesadas poderán inscribirse oficialmente no rexistro municipal, entre os días: martes 21 de xuño e o sábado 25 de xuño (ata as 13:00h) de 2016, presentando o modelo de solicitude dispoñible no rexistro do concello xunto cunha fotocopia do DNI.
Ademais os interesados terán que acudir ás probas do proceso de selección que se celebrarán o martes 28 de xuño as 19:00h no Edificio da Escola Obradoiro de Goián.
Durante o curso de verán 2016, as clases terán lugar os martes, mércores e xoves de 19:00 a 22:00 h no Edificio da Escola Obradoiro de Goián.
Sete persoas logran sacar o titulo da ESO logo de asistir a un dos cursos organizados polo Concello
Por outra banda, o grupo de alumnos e alumnas que se apuntaron nos cursos de ESO para adultos, organizados polo Concello no primeiro semestre deste ano, estivo composto por 36 persoas, das cales 7 conseguiron superar o exame e obter o título de Graduado en ESO.
Ademais, 11 dos 36 alumnos superaron dous bloques (dos tres que compoñen o curso), e 10 acadaron o aprobado unicamente nun bloque.