Se che gusta a arte experimental e a aprendizaxe práctica, temos unha proposta para ti! 7H Cooperativa Cultural conduce un laboratorio de iniciación á maxia expresiva da cianotipia, unha técnica fotográfica xurdida no século XIX con múltiples usos en creacións contemporáneas.
O obradoiro combinará unha aproximación ás orixes deste curioso procedemento coa súa posta en práctica, consistente na realización de copias dunha imaxe a partir do seu revelado en ton azul prusia. A partir da inspiración na materia natural da contorna e na creación contemporánea, realizaremos os nosos propios cianotipios, experimentando co proceso e a súas posibilidades expresivas.