Os teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa, coa selección española na Copa do Mundo de Slálom

Os teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa, coa selección española na Copa do Mundo de Slálom Os dous deportistas chegaron ata as semifinais deste campionato internacional celebrado nos Pirineos franceses. Ochoa colocouse ademais entre a elite mundial do slálom extremo

O Concello de Tomiño dá os seus parabéns aos teixugos Luís Fernández e Manuel Ochoa pola súa gran actuación na Copa do Mundo de Slálom celebrada a pasada fin de semana na localidade francesa de Pau. Un encontro no que os deportistas do Club Deportivo Miño-Teixugos formaban parte da selección de palistas que representaban a España nunha competición internacional na que o mellor do slálom mundial competiu e deu fe das súas habilidades.

Luís Fernández, que participou na modalidade de canoa ou C1, fixo fronte ás clasificatorias xunto con outros 52 deportistas de 24 países. Nunha proba na que entraban os 20 mellores tempos, Fernández estivo a piques de logralo, pero un toque na porta 21 deixouno fóra por apenas unhas décimas de segundo. Quinto na repesca, o domingo o deportista fixo a súa baixada de semifinais buscando ser un dos dez finalistas, pero tres toques e unha penalización de 50 segundos deixárono fóra, rematando a Copa do Mundo no posto 28.

Pola súa banda, Manuel Ochoa participou en kaiak ou K1. Nas probas clasificatorias fronte a 68 deportistas de 33 países tentou facerse cunha das trinta prazas de semifinais que se xogaban na primeira ronda. Un toque na primeira porta deixouno fóra a menos dun segundo de acadalo, aínda que unha baixada sen penalizacións na repesca permitiulle pasar a semifinais in extremis. A pesar de facer un percorrido sen penalizacións, algúns pequenos fallos no trazado deiráxonno fóra das finais e rematou o campionato en vixésimo primeira posición.

O tomiñés tamén forma parte do equipo español de slálom extremo. Ochoa pasou as semifinais nunha contra reloxo con 72 participantes na que fixo unha baixada impresionante que o clasificou co segundo mellor tempo. Despois desta fase, os clasificados enfrontáronse de catro en catro pasando soamente os dous mellores tempos. No seu primeiro enfrontamento, o teixufo gañou a serie de forma rápida e clara, pero na segunda proba, a piques de conseguir entrar segundo, viuse superado no último momento polo participante italiano. Rematou esta copa no décimo lugar, colocándose entre a elite mundial desta modalidade.

Tanto Luís Fernández como Manuel Ochoa terán a súa derradeira participación internacional da tempada esta vindeira fin de semana na canle do Segre Parc, na Seu D´Urgell, onde se celebrará a Copa do Mundo Final.

Por outra banda o Concello quere felicitar ao teixugo Emilio Rodríguez polo seu ouro no campionato de España de Slálom e agradece especialmente súa dedicación ao club, o seu cariño polos nenos e nenas e por compartir a súa paixón de xeito desinteresado, un bo facer que permite ao club gozar dunha gran canteira.