Serafín Zubiri e a Banda de Goián renden homenaxe a Nino Bravo A Agrupación Musical de Goián actuará xunto a Serafín Zubiri este venres 19 de agosto na do Praza Pintor Antonio Fernández

No marco do ciclo O Son da Prazas, a Agrupación Musical de Goián, dirixida polo Mestre Pedro Villarroel González, unirase á voz de Serafín Zubiri nun gran concerto chamado “Lembrando a Nino Bravo”. Trátase da actuación estrela do verán no Concello e terá lugar este venres 19 de agosto a partir das 22.30 horas, na do Praza Pintor Antonio Fernández de Goián.

Durante o concerto recrearanse os temas máis emblemáticos de Nino Bravo e crearase un clima moi emocionante no que as persoas asistentes poderán escoitar de novo en directo cancións tan relevantes como “Noelia”, “Un beso y una flor” ou os himnos “América, América” ou “Libre”, entre outras moitas composicións que forman parte do legado do cantante valenciano.

A vida de Serafín Zubiri é unha aventura cun rumbo constante e definido: a superación a través da música e o deporte. A súa cegueira de nacemento non lle impediu sacar adiante a súa carreira como artista na que editou 8 discos e fraguou un extraordinario currículo deportivo, nos que destaca a súa participación nos festivais de Eurovisión dos anos 1992 e 2000.

A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida “á veciñanza a desfrutar desta xornada inesquecible na que escoitaremos de novo os temas máis emblemáticos dun artista admiradísimo como é Nino Bravo, coa magnífica interpretación de Serafín Zubiri e neste caso, ademáis, acompañado pola nosa Agrupación Musical de Goián”.