Tomiño comeza o ‘Mes do amor’ rememorando a infancia dos avós e avoas

Tomiño comeza o ‘Mes do amor’ rememorando a infancia dos avós e avoas Teatro do Noroeste chega este sábado 11 ao auditorio de Goián coa súa obra ‘Último verán en Santa Cristina’

O Concello de Tomiño da o pistoletazo de saída esta fin de semana ao ‘Mes do amor’, un novo ciclo cultural que levará que encherá as tardes das fins de semana de novembro cun amplo programa de propostas diferentes e atractivas para todos os públicos. E arranca este mesmo sábado 11 de novembro do mellor xeito posible: rememorando a infancia de avós e avoas co ‘Último verán en Santa Cristina’, a última obra de Teatro do Noroeste.

A través de atractivas personaxes e do seu bo facer, con este espectáculo asinado polo dramaturgo Eduardo Alonso a compañía Teatro do Noroeste trasladará ao público á España franquista para contar a historia e retomar lembranzas a través da ollada infantil dun rapaz de 12 anos.

A obra aborda as sensibles e conmovedoras lembranzas dun neno que realizar o tránsito da adolescencia á madurez descubrindo a natureza da vida e da morte, a esencia do amor e, sobre todo, un terrible segredo que agocha a súa familia de militares franquistas. Unha revelación que se completaría anos máis tarde cando recibe unhas cartas propiedade da súa nai xa falecida.

O público poderá gozar ás 21.00 horas desta historia dirixida a público adulto na que as lembranzas infantís e as novas revelacións mestúranse para dar conta dos acontecementos da sociedade franquista da época e do triángulo amoroso existente na súa familia. A entrada terá un prezo de 7 euros e poderá adquirirse unha hora antes do inicio do espectáculo no despacho de billetes do auditorio.