A alcaldesa asiste mañá á presentación en Pontevedra do plan “Camiña á Escola” O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, será o encargado de presentar as liñas de subvención para presentar proxectos

Uxío Benítez Fernández, deputado provincial de Mobilidade da Deputación de Pontevedra e concelleiro de Planificación Territorial, Facenda e Proxectos Estratéxicos, vai presentar mañá, mércores 11 de abril, ante os concellos interesados o Plan Camiña á Escola, e concretamente, a liña de “Subvencións para a redacción de proxectos e plans de dinamización de camiños escolares seguros nas estradas provinciais”.

 

Á dita presentación, asistirá a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acompañada polo xefe da Policía Local de Tomiño e o concelleiro de Réxime Interior, Antonio Tartaglione. O Concello tomiñés leva traballando un tempo neste tema e organizou varias actividades nos colexios da zona.

 

Este plan tenta que o alumnado poida desprazarse so dende as súa casa ao centro educativo correspondente, a través de prácticas de mobilidade máis sustentables que as actuais, e coa promoción da autonomía e responsabilidade dos propios escolares.

 

O obxectivo da Deputación é contar coa colaboración dos concellos, máximos coñecedores das realidades sociais de cada territorio e comprometidos coa infancia; especialmente aqueles adheridos á rede de Cidades dos Nenos e das Nenas; representantes da policía local, de centros educativos públicos, e de asociacións de nais e pais de colexios e institutos, que se atopen nunha área de influencia de menos de 200 metros dunha estrada provincial.

 

A Sesión Introdutoria de mañá, terá o seguinte programa:

10:00 – 10:10 h Presentación e benvida

Carmela Silva Rego, presidenta da Deputación

10:10 – 10:20 h “Autonomía das nenas e nenos e recuperación do espazo público”

César Mosquera Lorenzo, vicepresidente da Deputación

10:30 – 11:10 h “Liña de actuación da DXT. Intervención no ámbito educativo: traxectos escolares seguros”

M.ª Isabel Alonso de Liñaxe Calzada, xefa provincial de Tráfico

Raquel E. Navas Hernández, asesora pedagóxica, Unidade de Intervención Educativa, Dirección Xeral de Tráfico

11:20 – 12:20 h Mesa redonda e coloquio

“Experiencia na cidade de Pontevedra”. Daniel Macenlle, xefe da Policía Local de Pontevedra.

“A visión das nais e pais”. Rogelio Carballo, presidente da FAMPA Pontevedra e CONFAPA Galicia.

“Experiencia piloto nunha estrada provincial”. Martín Barreiro e María Masaguer, Estudo Rurban.

12:30 – 13:00 h Descanso

13:00 – 13:30 h “Presentación da líña de subvencións para a redacción de proxectos e plans de dinamización de camiños escolares seguros nas estradas provincias”
Uxío Benítez Fernández, deputado provincial de Mobilidade.

 

A Deputación de Pontevedra, dentro da súa Estratexia de Mobilidade 3.0, sitúa aos colectivos máis vulnerables como suxeitos principais das melloras en materia de mobilidade: unha das principais prioridades é mellorar o espazo público para as máis pequenas e pequenos.

Por iso o Servizo de Mobilidade impulsa o plan “Camiña á escola!”, no que se redactan proxectos e plans de dinamización de ámbitos escolares seguros na rede de estradas provinciais da provincia de Pontevedra.

 

 

 

 



X