04 Mar 2017 A XIV Mostra de Cultivos do Baixo Miño pon en valor o sector da agricultura, coma alternativa laboral con gran futuro

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias e a presidenta da Deputación de Pontevedra, inauguraron hoxe xunto á alcaldesa a edición 2017

Cunha trintena de empresas do viveirismo, a flor cortada, a hortofructicultura e as empresas auxiliares do campo, a 14ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño, amosa este fin de semana, en Goián (Tomiño) as últimas novidades do sector, converténdose en escaparate de referencia a nivel nacional e internacional.Un nutrido programa de xornadas técnicas, actividades e exhibicións encherán sábado e domingo, sendo este o día dedicado especialmente ao público en xeral.

Organizada conxuntamente polo Concello e acuBam (Asociación de Cultivos do Baixo Miño), a mostra foi inaugurada este mediodía, nun acto que contou coa presenza da directora  xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias, Belén do Campo; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez; varios deputados, alcaldes da comarca, e de Vila Nova de Cerveira, e outras autoridades.

A presidenta de acuBam foi a encargada de abrir a quenda de intervencións, seguida da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias agroalimentarias; a presidenta da Deputación e alcaldesa de Tomiño, quen pechou o acto, dando por inaugurada a edición 2017 da Mostra.

Patricia Rodríguez, agradeceu en primeiro lugar o traballo de organizadores e colaboradores para que o evento, acade un ano máis, o nivel de profesionlidade que o caracteriza, sendo ademais, punto de encontro do sector, coas últimas novidades, salientando especialmente a colaboración económica e loxística do Concello, que fai posible a celebración do evento. “Este evento é reflexo da importancia que ten o sector, e das ganas que teñen as nosas empresas, de acrecentar as súas raíces, e continuar facéndose fortes, actuando de fixadores de poboación no rural, de exemplo de respeto medioambiental e de cooperación transfronteiriza, e dando visibilidade a unha agricultura moderna, sostible, innovadora e adaptada aos novos tempos”, explicou.

Asemade, agradeceu de xeito especial a colaboración dos artistas locais, que exponen obras de escultura e pintura.

Belén do Campo, pola súa banda, salientou a relevancia do sector agrícola en toda Galicia e especialmente no Baixo Miño, donde se concentran 23 dos 76 viveiros existentes na Comunidade. “Este é un mercado en alza, un medio de vida digno e saudable, oa que desde a Xunta apoiamos na súa promoción a nivel nacional e internacional”, precisou. Adirectora xeral afirmou ser conciente da falta de solo para cultivar e alabou a labor dos organizadores da Mostra, “un evento imprescindible para promover a profesionalización e a comercialización da planta ornamental”.

Carmela Silva, na súa intervención, afirmou que esta mostra de cultivos “sitúa ao Baixo Miño coma un sector referencial da nosa economía e creación de emprego”. A presidenta da Deputación salientou o traballo dos viveiristas “que dan valor engadido ao sector, modernizándoo internacionalizándoo, traballando en equipo e amosándoo coma unha alternativa de futuro”. A mandataria subliñou a importancia de pasar do discurso á acción “para que a xente elixa quedarse na súa terra”.

A alcaldesa, pola súa parte, reiterou o apoio incondicional do Concello á Mostra, agradecendo o traballo dos organizadores. “Esta é unha mostra totalmente consolidada, unha iniciativa intelixente e cunha planta de calidade excepcional, que temos o deber de apoiar”. Neste sentido referiuse ao Plan Estratéxico, cuxa redacción están levando a cabo conxuntamente os Concellos de A Guarda, O Rosal e Tomiño, co fin de coñecer mellor as posibilidades de crecemento do sector. Por último, a rexedora local solicitou o apoio da Xunta para resolver temas de vital importancia para os agricultores, coma son o Banco de Terras e a concentración parcelaria.



X