Tomiño prepárase para un verán con 650 horas de actividades deportivas e de lecer para infancia e mocidade

 

A inscrición nos diferentes campus e campamentos poderá formalizarse a través da web municipal a partir das 09.00 horas deste venres 10 de maio

Tomiño prepárase para un verán cunha amplísima oferta de deporte e lecer para que infancia e mocidade poida desfrutar dunhas vacacións estivais activas. O Concello abre ás 09.00 horas deste venres 10 de maio o prazo de inscrición nas 14 propostas preparadas para este ano, case 650 horas de campus, campamentos, cursos e actividades deseñadas para abarcar a todas as idades, dende os 3 anos ata mozos e mozas de máis de 18 anos.

Con esta nova programación estival, o Concello ofrece unha ampla variedade de propostas de educación non formal de carácter lúdico, deportivo e educativo coas que busca contribuír á conciliación da vida familiar e laboral, fomentando a interacción e a convivencia entre todas e todos os participantes. Como explica a alcaldesa, Sandra González, “os campus, campamentos e cursos de verán son unha oportunidade única para que a nosa rapazada aproveite ao máximo as vacacións estivais, desfrutando daquilo que máis lle interesa ou apaixona e desenvolvendo así as súas habilidades e talentos. E ofrece ademais ás familias unha solución aos tres meses de vacacións escolares”.

As diferentes propostas da programación levaranse a cabo en diversas quendas e horarios durante os meses de xullo e agosto. As persoas interesadas poderán inscribir a rapaces e rapazas a través do formulario que se habilitará na páxina web do Concello dende mañá. Na web tamén poderán consultar toda a información sobre os campus e campamentos, datas, horarios, condicións e prezos.

Catorce propostas

Entre as propostas deportivas, en xullo e agosto haberá un campus de tenis na Área Deportiva do Mosteiro, con diferentes quendas e horarios para nenos e nenas de 5 a 17 anos. Tamén o 1 de xullo arrancarán as dúas semana dos campus de balonmán no pavillón municipal de Goián, dirixido a rapazada de 6 a 12 anos.

O 2 de xullo será a quenda de inicio de dúas novas actividades. Por un lado, o campus de pádel, que impartirá clases para nenos e nenas de 6 a 16 anos na Área Deportiva do Mosteiro dous días á semana durante os meses de xullo e agosto. Tamén comezará o curso de piragüismo, unha actividade dirixida a rapazada de 8 a 14 anos que saiba nadar e que se impartirá no Club Deportivo do Miño, en Goián, durante os meses de xullo e agosto.

O innovador campus de acrobacias chegará o 8 de xullo ao ximnasio do IES Antón Alonso Ríos e conquistará durante dúas semanas a mozos e mozas de 6 a 14 anos. O 15 de xullo comeza o campus de fútbol mixto, quince días no que as e os participantes achegaranse a este deporte e que se impartirá en dous lugares a elixir: o campo da fútbol da Carballa, en Tomiño, ou o Lito Oliveira, en Goián.

Xa no mes de agosto, o día 1 arranca o campus de kung fu, para rapazada de 6 a 12 anos no pavillón municipal de Goián, e o día 5 o de atletismo, que reunirá a nenos, nenas e mocidade a partir dos 6 anos durante todo o mes de agosto na Área Deportiva do Mosteiro. O 19 de agosto comeza o campus de patinaxe para rapazada de 6 a 12 anos no pavillón municipal de Goián.

Entre os campamentos que se realizarán este ano, o campamento urbano levará durante todo o mes de xullo ao CEP Pedro Caselles Beltrán actividades para nenos e nenas de 3 a 12 anos centradas no medio ambiente, na igualdade, nos deportes ou no mundo dixital, entre outros aspectos. Mentres, a Agrupación Musical de Goián impartirá ademais o campamento musical Rock Goián, no que a través de actividades lúdicas rapaces e rapazas de 3 a 12  achegaranse ao mundo da música con obradoiros de instrumentos con materiais de refugallo, actividades manipulativas, mini concertos de solistas… Será do 19 ao 30 de agosto no auditorio municipal.

Por outra banda, este ano haberá tamén tres cursos destinados a rapazas e rapaces a partir de 18 anos, como un curso de promoción do kaiak o 9 de xullo e o 6 de agosto e outro de paddle surf o 11 de xullo e o 8 de agosto. Para participar en ambas actividades, que se impartirán no Club Deportivo do Miño en Goián, é imprescindible saber nadar. Tamén se celebrará un curso de ioga con catro clases de hora e cuarto de duración na Casa Salgosa dende o 5 de agosto.

 

Descarga aquí o documento coa información completa.