Comezan as votacións para escoller os proxectos conxuntos a realizar entre Tomiño e Cerveira Aberto ata o 20 de febreiro o prazo para elixir as tres actividades que se realizarán dentro do II Orzamento Participativo Transfronteirizo

A partir de hoxe 20 de decembro e durante dous meses, ata o vindeiro 20 de febreiro, os veciños e veciñas de Tomiño e Cerveira poderán escoller mediante votación telemática os tres proxectos de cooperación que se realizarán ao longo de 2018 ao acubillo da segunda edición do Orzamento Participativo Transfronteirizo, un proxecto pioneiro na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que busca implicar á poboación de ambos os dous concellos na procura de solucións para necesidades comúns. Está incluído na Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Tomiño-Cerveira, proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.

Nesta ocasión, a cidadanía de Cerveira e Tomiño terá que escoller entre oito proxectos de cooperación propostos por 12 entidades e dous cidadáns de ambos os dous concellos, cada unha correspondente a unha destas tres categorías: Educación e Cultura, Deporte e Lecer e Territorio e Medio Ambiente.

Entre os proxectos presentados para esta segunda edición na área de Educación e Cultural está a organización de actividades artísticas dirixidas á poboación escolar de Vila Nova de Cerveira e de Tomiño ou un intercambio musical transfronteirizo entre a Escola de Música de Goián e a Academia de Música Fernandes Fâo. O público tamén poderá escoller o proxecto ‘Sabores da Aldea e Sons das Treboadas Transfronteirizas’, pensado para promover o intercambio cultural e turístico, ou a posta en marcha das xornadas ‘Accesibilidade para todos’, coas que facer un estudo dos problemas de accesibilidade en ambos os dous concellos.

No ámbito deportivo e de lecer presentáronse dúas ideas: a creación dunha pista en terra batida para a práctica e o fomento do BTT&Traill Running a ambos dous lados do Miño ou o fomento de deportes náuticos entre mozos e mozas en risco de exclusión social.

Xa na área de Territorio e Medio Ambiente, os e as votantes poderán optar polo proxecto ‘Felices nas compras’, un programa co que abordar os problemas que poidan xurdir aos consumidores á a nivel de comercio transfronteirizo, ou pola creación dunha aplicación para dispositivos móbiles para fomentar o turismo accesible e atraer a visitantes con mobilidade reducida a Tomiño e Cerveira.

Votación

O proceso de votación é sinxelo. Os interesados e interesadas deberán entrar na páxina web www.participacerveiratomino.eu e rexistrarse con nome, apelidos e número de DNI, premer en ‘Participa’, seleccionar un proxecto por cada categoría e votar. A participación é validada tras o cruzamento da información persoal do rexistro cos datos do centro electoral, co fin de que o proceso sexa o máis transparente e seguro posible.



X