09 Nov 2017 Xa en marcha os Cursos AFD do Concello de Tomiño Este ano están centrados na xestión administrativa na relación co cliente e nos sistemas microinformáticos

O Concello de Tomiño puxo xa en marcha esta semana varios cursos de formación ocupacional cos que, un ano máis, o municipio busca garantir o acceso á educación a calquera idade e ratificar a súa aposta pola cultura.

O Centro de Formación Ocupacional O Regatiño, situado na Av. Pío Troncoso 8 de Goián, é o lugar no que se imparten estes dous novos cursos, centrados na xestión administrativa e no eido informático. Por unha banda, o curso de “Actividades de xestión administrativa na relación co cliente” terá unha duración de 818 horas lectivas en horario de mañá, mentres que o de “Sistemas microinformáticos”, de 618 horas, celébrase en quenda de tarde.

As persoas interesadas aínda poden facer a súa inscrición para as poucas prazas vacantes dispoñibles, no caso do curso de sistemas microinformáticos ata este 8 de novembro e no de xestión administrativa ata o vindeiro día 11. A solicitude realizarase a través do correo electrónico tle@tomino.gal ou chamando ao 986 622 001 e pulsando primeiro a opción 4 e despois a opción 1.

Todos os participantes deben estar empadroado/as en Tomiño, ter cumpridos os 16 anos de idade e posuír o título de Graduado en ESO ou equivalente para poder acceder a estas ofertas educativas. As persoas que superen con éxito os cursos recibirán o certificado de profesionalidade correspondente.



X