25.000 bolsas de material reciclable para potenciar o comercio local de Tomiño

25.000 bolsas de material reciclable para potenciar o comercio local de Tomiño Mercados e establecementos repártenas estes días entre a veciñanza ao abeiro da campaña ‘Da túa man’

Tomiño pon en valor o comercio local cunha nova acción de ‘Da túa man’, unha campaña que busca promocionar que a veciñanza merque nos establecementos tomiñeses e fomentar o desenvolvemento sostible do municipio. O Concello está a repartir cerca de 25.000 bolsas promocionais de tea e diferentes materiais reciclados entre os comercios interesados e os praceiros e praceiras dos mercados de Tomiño e Goián, que se encargan de distribuílas posteriormente a compradores e compradoras.

A primeira distribución de bolsas realizouse contando coa colaboración de ADETO e coincidindo coa Festa do Comercio para achegar ao maior público posible. Os establecementos que aínda non se inscribiran e queiran recibir un lote de bolsas poden solicitalo no Concello durante o mes de setembro.

O Concello de Tomiño participa dende o ano 2022 no proxecto ‘Da túa man’, que contempla diversas medidas de apoio ao comercio local, como a instalación de sinalética con cargadores de batería de dispositivos móbiles nas zonas comerciais de Goián e Tomiño, a colocación de consignas no mercado de Tomiño ou diferentes accións formativas e de publicidade. O obxectivo é promover o desenvolvemento sostible no municipio non só polo impacto positivo directo nos establecementos, senón tamén por como repercute na propia economía local e na dinamización cultural e social das zonas urbanas comerciais.

O proxecto ‘Da túa man’ está financiado nun 70% polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos Fondos NEXT Generation da Unión Europea. A coordinación corre a cargo da Deputación de Pontevedra, que achega un 15% do orzamento, mentres que o Concello de Tomiño achega o outro 15%.