25 tomiñesas fórmanse grazas ao programa ‘Galegas Dixitais’

25 tomiñesas fórmanse grazas ao programa ‘Galegas Dixitais’ A alcaldesa, Sandra González, deu a benvida a todas as participantes durante a presentación deste curso de balde que busca a dixitalización das mulleres

Grande éxito de acollida en Tomiño do curso ‘Galegas Dixitais’. Un total de 25 tomiñesas participan neste programa de formación gratuíto que ten por obxectivo a dixitalización das mulleres na procura de emprego e que este mércores arrancaba co acto de presentación no salón de plenos do Concello.

A alcaldesa, Sandra González, quixo dar a benvida a todas as participantes e animalas a “aproveitar esta oportunidade formativa que favorece a empregabilidade e pode axudar a impulsar o emprendemento e o desenvolvemento do noso rural, ademais de permitirnos seguir traballando para reducir a fenda de xénero”.

Do 4 de outubro ao 16 de novembro, en horario de 09.00 a 14.00 horas, as alumnas inscritas participarán nunha formación de 120 horas sobre competencias dixitais básicas, avanzadas e para o emprendemento con sesións impartidas por Beproject Consultores e Ara Formación na Escola Obradoiro O Regatiño de Goián.

Coa clausura do curso, as mulleres participantes recibirán un diploma acreditativo de todo o aprendido durante a formación e un ordenador portátil como material para axudalas a seguir avanzando nas súas competencias dixitais.

Tras o grande interese que o curso suscitou entre a veciñanza, o Concello estuda realizar outra formación do programa ‘Galegas Dixitais’ a comezos do vindeiro ano.