‘#2pilgrims’ ou como concienciar sobre igualdade con grandes doses de humor

‘#2pilgrims’ ou como concienciar sobre igualdade con grandes doses de humor Dirixida especialmente a público adolescente, a obra de Redrum Teatro forma parte da programación cultural deseñada polo Concello de Tomiño ao abeiro do 25N

Será o sábado 26 de novembro ás 21.00 h no auditorio municipal de Goián

Concienciar, educar en igualdade e inculcar todos aqueles valores que nos permiten previr a violencia de xénero, especialmente entre as e os adolescentes. Ese é o obxectivo de ‘#2Pilgrims’, unha obra de Redrum Teatro que chega este sábado 26 de novembro ao auditorio municipal de Goián ao abeiro da programación cultural posta en marcha polo Concello de Tomiño dentro do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Un espectáculo dirixido por Alex Sampayo e protagonizado por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo na que as e os espectadores viaxarán polo Camiño de Santiago tocando temas como o feminismo, a igualdade e as novas masculinidades. Pensada para chegar dun xeito directo especialmente ás novas xeracións, esta comedia conta con grandes doses de humor absurdo e afondará nun plantexamento crítico sobre o amor romántico e unha reflexión acerca do efecto das redes sociais nas relación persoais.

A alcaldesa, Sandra González, convida á veciñanza, especialmente á mocidade, a gozar deste espectáculo “que pon enriba da mesa a necesidade de reflexionar sobre igualdade e de concienciar fronte á violencia contra as mulleres dun xeito diferente co que chegar ás novas xeracións”. A obra representarase ás 21.00 horas con entrada libre ata completar aforo.

‘#2pilgrims’ é a décimo quinta produción de Redrum Teatro, un espectáculo que encaixa no marco do denominado teatro social, unha liña de traballo que a compañía galega leva moitos anos desenvolvendo.