32m2, a traxicomedia de ButacaZero sobre o confinamento, despídese dos escenarios o domingo 20 en Tomiño A compañía propón unha obra de teatro absurdo que parte da propia experiencia durante o encerro da pasada primavera. Será ás 18.00 horas no Auditorio de Goián

A xira de 32m2 chega ao seu fin. A última creación teatral de ButacaZero, a compañía creativa dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, celebrará o vindeiro domingo 20, a partir das 18.00 horas, a súa derradeira función, no Auditorio de Goián.

A compañía, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, propón unha obra de teatro absurdo que parte da propia experiencia do tándem artístico durante o encerro da primavera do pasado ano.

A peza, candidata pola súa escenografía aos Premios Max, representarase por derradeira ocasión en Tomiño. A función, que coincide coa celebración do fin do primeiro Estado de Alarma decretado en marzo de 2020, supón o peche da Xira confinada, a serie de actuacións coas que 32m2 percorreu 21 localidades galegas durante esta primavera.

O espectáculo, que conta cunha escenografía xiratoria asinada por Beatriz de Vega -pola que 32m2 é candidata aos Premios Max de Teatro 2020/2021-, e cunha banda sonora orixinal creada polo músico Rodrigo Cuevas, naceu coa vontade de ofrecer unha ollada reflexiva e “sandadora” sobre o confinamento. 

32m2 presenta a Mar e a Xan (interpretados por Nuria Gullón e Xurxo Cortázar), unha parella que se considera antisistema e que habita nun pequeno ático de 32 metros cadrados con total tranquilidade, nun mundo que non deixa de xirar cando, de súpeto, a presenza dun virus fai que a vida pare e confinen a toda a poboación. 

As entradas son limitadas por razón de aforo e de seguridade, teñen un prezo de 5 euros e pódense reservar a través de cultura@tomino.gal ou no teléfono 986 622 001.

A compañía
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira.   A investigación e a reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.

Con 32m2, o tándem aséntase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego pola súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A estrea da peza acompañouse, á vez, da publicación en papel do libro homónimo, que tamén asina a dramaturga Esther Carrodeguas. O texto, publicado por Edicións Positivas, pódese adquirir tanto a través da páxina web https://edicionspositivas.com/producto/32m2/ coma nas diferentes librarías coas que traballa habitualmente a editorial.