400 pequenos guerreiros conquistan a Eurocidade Cerveira-Tomiño durante a Gladiator Race Junior Neste evento deportivo para a infancia e mocidade, participaron o pasado sábado 20 de xullo cerca de 350 rapaces e rapazas

A cita, enmarcada no Orzamento Participativo Transfronteirizo, tivo lugar no Espazo Fortaleza de Goián

Esta pasada fin de semana, 350 valentes rapaces e rapazas demostraron o seu espírito indomable na Gladiator Race Junior, un evento único na comarca que encheu de enerxía e ilusión os arredores de Miño e a impoñente Fortaleza de Goián. A pesar dun tempo matinal confuso, a choiva reinante durante gran parte da maña non detivo a practicamente a totalidade dos participantes, que se lanzaron entusiasmados para superar os obstáculos e retos desta apaixonante competición.

Nunha cita na que todos os equipos eran mixtos,  un valor como a igualdade fíxose presente e destacable entre a rapazada dos concellos veciños. Reinaron a deportividade e a diversión, de xeito que os participantes que se achegaron ao Espazo Fortaleza de Goián puideron desfrutar en familia ou con amigos  mentres facían deporte ao aire libre. Por estes motivos, tal e como destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “foi un orgullo para o Concello de Tomiño participar na organización da primeira Gladiator Junior da comarca, que non só representa unha excelente oportunidade para que a nosa cativada e mocidade desfrute do deporte, senón que tamén subliña a importancia da colaboración transfronteiriza e da convivencia e igualdade cos nosos veciños e veciñas portuguesas”. A Gladiator Race Junior convértese así nun símbolo de esforzo, igualdade, compañeirismo e alegría para toda a comunidade.

A Gladiator Race Junior forma parte do orzamento participativo da nosa Eurocidade, Cerveira-Tomiño, un claro exemplo de como a colaboración entre estes concellos participantes pode transformar as ideas en eventos deportivos que fomenten a actividade física e a convivencia familiar. Este ano, os nosos gladiadores non só competiron por diversión, senón que tamén formaron parte dunha experiencia que destaca pola súa singularidade na comarca.

Cun percorrido cheo de retos e risas, esta proba deixou pegada no corazón dos pequenos competidores, nas modalidades tanto individual como en equipo, que se organizaban en Mini Kids, para nenos e nenas de 3 a 6 anos;  Kids, de 7 a 11 e a categoría Junior, na que os mozos e mozas de 12 a 20 anos participaron en equipos mixtos cun percorrido de 2’5 km e 25 obstáculos. Mais a pesar desta separación, o factor común foi a diversión e o desfrute de tódolos participantes.

Esta actividade enmárcase na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través de INTERREG VI-A POCTEP.