26 Out Medio Ambiente estudará colaborar cos concellos de Tui e Tomiño para executar unha gran senda fluvial no Miño
- A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González
- O proxecto, cun investimento estimado de 1.600.000 euros, prevé a creación dunha senda natural de 16 km. de extensión, que uniría os concellos de Tui e Tomiño, pola ribeira do Miño
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.
Na xuntanza, os rexedores locais presentaron un proxecto para crear unha gran senda fluvial ao borde do río Miño. Mato, pola súa banda, agradeceu a iniciativa dos alcaldes e comprometeuse a estudar a colaboración por parte do departamento autonómico.
A alcaldesa de Tomiño salientou que “este proxecto vai máis aló dos nosos concellos, porque enlazaría coas sendas que xa existen en O Rosal e mesmo en Goián (Tomiño), así coma coas de Vila Nova de Cerveira (Portugal), o que permitiría un percorrido internacional nun mesmo espazo natural con altos valores ambientais”.
O alcalde de Tui, pola súa banda, cualificou o proxecto coma “unha aposta turística estratéxica e determinante para o futuro da comarca”.
O proxecto, cun investimento estimado de 1.600.000 euros, prevé a creación dunha senda natural de 16 km. de extensión, que uniría os concellos de Tui e Tomiño, pola ribeira do Miño.