17 Nov Tomiño cambia o sistema de recollida do aceite de cociña usado por un máis limpo e cómodo O ano pasado recolléronse máis de 1.300 litros desde produto, ademais de 218.000 quilos de vidro, 316 de pilas, 113 toneladas de envases e outras 126 de papel e cartón
Tomiño segue a avogar pola reciclaxe. O Concello vén de renovar e ampliar os contedores de recollida de aceite colocados en distintos puntos da vila, colectores que empregan un novo sistema de reciclaxe no que o aceite se deposita en botellas de plástico reutilizadas e non de xeito directo.
Ata o de agora os tomiñeses e tomiñesas depositaban os aceites de cociña usados nun contedor a granel vertendo directamente o produto. Sen embargo, agora o aceite deixarase nos 10 contedores dispoñibles en recipientes de plástico o que non só garantirá que este material non se mesture con outros residuos senón que será máis limpo e cómodo para a cidadanía.
Dende o ano 2014 lévanse recollidos a través destes colectores máis de 3.850 litros de aceite, 1.300 deles o ano pasado. Con esta iniciativa o Concello de Tomiño espera animar á cidadanía a reciclar este tipo de produto.
Illas ecolóxicas
No camiño por conseguir un Tomiño diminuír a cantidade de lixo que vai ao colector verde, rebaixando os custes económicos, ecolóxicos e medioambientais, o Concello ten situadas por toda a vila illas ecolóxicas nas que se poden atopar ademais dos 10 contedores de reciclaxe de aceite, 210 de recollida de envases, 96 de vidro e 70 de papel e cartón.
No que vai de 2017 recolléronse un total de 316 quilos de pilas, ademais de 75.000 quilos de vidro ata o mes de maio. O ano pasado Tomiño reciclou 218.005 quilos de vidro, algo menos que en 2015, no que se recolleron 221.589 quilos deste material.
Por outra banda, a través destes contedores no 2016 recicláronse 113 toneladas de envases, un 10 por cento máis que en anos anteriores. En canto a papel e cartón, o ano pasado recolléronse 106 toneladas nos colectores municipais, aos que hai que sumarlles as 20 toneladas recadadas a través da recollida directa en negocios que producen grandes cantidades deste material.
Éxito da recollida de material téxtil
A iniciativa posta en marcha polo Concello de Tomiño para a recollida de material téxtil está tendo unha gran acollida por parte da cidadanía. En total son 9 os colectores instalados en lugares de paso moi frecuentados pola poboación: ademais dos contedores máis céntricos en Tomiño e dos dous colectores en Goián, os tomiñeses e tomiñesas poden deixar roupa usada, calzado e tecidos empregados no fogar por exemplo nos colocados nas inmediacións da gasolineira, fronte á farmacia de Carregal e na illa de reciclaxe próxima ao CEIP de Sobrada.