A OMIX de Tomiño propón para o 2018 unha oferta formativa atractiva e variada Ao longo do ano celebraranse ata 14 cursos diferentes. Os dous primeiros, de Radio e Francés Básico, comezarán xa no mes de febreiro

Idiomas, arte, radio, cociña e mesmo arquitectura. A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) de Tomiño acaba de aprobar a súa programación formativa para este 2018, ata 14 cursos, obradoiros e actividades para mozos e mozas de 12 a 35 anos, unha oferta “atractiva e variada” que permitirá ter un amplo abano de posibilidades no que escoller. Trátase dunha proposta que recolle ademais moitos dos cursos solicitados polos propios rapaces e rapazas, respondendo así á demanda e necesidades da cidadanía.

Cursos xa en febreiro

A programación arranca xa este vindeiro mes de febreiro cos dous primeiros cursos formativos, un de Radio e outro de Francés Básico.

O concello de Tomiño conta dende hai anos cunha radio municipal online destinada á mocidade tomiñesa, instalacións que nestes intres están a trasladarse ao IES Antón Alonso Ríos. Por este motivo, o 15 de febreiro comezará un taller de formación radiofónica destinado a mozos e mozas e no que o alumnado deste centro educativo non terá que pagar o prezo da inscrición, senón que poderá participar de balde. Este obradoiro, de 22 horas de duración, rematará o vindeiro 12 de abril. Pola alta demanda que se espera o curso dividirase en dous grupos, un que se desenvolverá os xoves de 16.30 a 18.00 horas e outro o mesmo día de 18.30 a 20.00 horas.

Pola súa banda, do 21 de febreiro ao 9 de maio unha profesora nativa impartirá un curso de Francés Básico de 24 horas de duración. O concello de Tomiño leva anos apostando pola formación en idiomas da súa mocidade e este curso de francés responde á ampla demanda e aceptación que hai entre a poboación desta lingua. Nesta ocasión, ademais de aprender outro idioma, este obradoiro “axuda aos participantes a ampliar as habilidades comunicativas, introdúceos noutra cultura e mesmo lles pode abrir portas a nivel laboral”. O curso desenvolverase os mércores de 20.00 a 22.00 horas na Escola Obradoiro de Goián.

Inscrición

Xa está aberto o prazo de inscrición para estes dous cursos, dispoñibles para mozos e mozas a partir de 12 anos. No caso do curso de Radio o prezo será de 30 euros, de balde para o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, mentres que o de francés terá un custe de 15 euros. En ambos os dous casos para que o curso se leve a cabo será necesario reunir a un mínimo de 15 persoas. Terán preferencia de participación as persoas que estean empadroadas en Tomiño e, en caso de que queden prazas libres, poderán inscribirse as persoas doutros concellos.

Inscríbete aquí.

Ademais destes dous cursos, a programación formativa da OMIX de Tomiño para este ano contempla outra ducia de obradoiros e actividades. En marzo porase en marcha un curso de arte sobre mulleres artistas, un obradoiro de poesía e rap e un curso de cociña para ‘dummies’; en abril será a quenda dun taller de repostería creativa; en maio haberá un curso de xaponés básico e outro de operador ou operadora de carretillas de manutención e en xullo haberá un curso de continuación de xaponés e un obradoiro de arquitectura práctica para non profesionais.

Tras a volta do verán a programación retomarase en setembro cun faladoiro de inglés, un obradoiro de cócteles e bebidas sen alcol e un curso de lingua de signos. A oferta formativa da OMIX rematará en outubro cun obradoiro de cociña e bebidas senegalesas.