O Concello cede o uso da radio online “Mocidade” ao IES Antón Alonso Ríos de Tomiño A idea é que a emisora sirva ao alumnado e profesorado coma recurso educativo

O Concello de Tomiño cedeu onte o uso da estación “Radio Mocidade” ao Instituto de Educación Secundaria IES Antón Alonso Ríos, da localidade. Trátase dunha estación apta para emitir en streaming a través de Internet. O convenio de cesión de uso foi asinado pola directora do instituto, Margarita Sánz e a alcaldesa Sandra González.

Segundo o acordo de cesión de uso de bens, o instituto dispón de instalación e persoal adecuados para aloxar e utilizar os equipos de emisión (de propiedade municipal) coma recurso educativo para o alumnado do centro.

Deste xeito, “o Concello entrega gratuitamente os bens que conforman a estación de radio para emisión por Internet, conservando a súa titularidade, ao Instituto Antón Alonso Ríos de Tomiño para o seu uso como recurso educativo do centro, sen prexuízo daqueles outros usos que o Concello poida reservarse e que resulten compatibles coa presente cesión”.

A cesión de uso terá unha duración de cinco anos, e poderá prorrogarse por acordo das partes, podendo en todo caso ser revisada cando concorra a vontade de ambas ou dunha das partes, ou cando varíen as circunstancias de orixe do acordo.

A alcaldesa de Tomiño lembrou que o Concello tiña amosada a súa disposición para que o equipamento da radio fose de utilidade pública como a concertada co centro educativo en beneficio do seu alumnado, mantendo en todo caso a Administración local a titularidade dos bens.

A directora do IES, pola súa banda, agradeceu a cesión de uso e informou que o resto do curso lectivo adicarase a formar ao alumnado que queira participar na emisora e a programar o funcionamento da mesma, previsto para a volta das vacacións de verán.