Os ‘Barbeiros Solidarios’ voltan a Tomiño con 30 profesionais da perruquería e barbería, tatuaxes e música en directo

Os ‘Barbeiros Solidarios’ voltan a Tomiño con 30 profesionais da perruquería e barbería, tatuaxes e música en directo O Concello de Tomiño colabora con esta iniciativa en beneficio da asociación de persoas con discapacidade Vontade

Os ‘Barbeiros Solidarios’ volven a Tomiño. O vindeiro domingo 6 de outubro, 30 profesionais da perruquería e barbería de toda España encherán a Praza do Seixo para celebrar por terceiro ano consecutivo unha xornada de traballo en beneficio da asociación de persoas con discapacidade Vontade. Nesta edición contarán ademais cunha importante novidade: a participación de Marcos da Silva, de Triple Rivas Barber Tattoo, que tatuará durante todo o día a todas aquelas persoas que se animen.

Dende as 11.00 ás 18.00 h de forma ininterrompida todos estes profesionais estarán a disposición das persoas que o desexen para peitear, cortar o pelo, afeitar, amañar a barba… por tan só 7 euros por servizo. Con algunha sorpresa preparada en temas de decoración, esta edición contará tamén con inchables e xogos tradicionais para os máis cativos e cativas e amenizarase coa música en directo de Argonat Band e Laura Ocampo.

“Animamos a todo o mundo a participar neste evento, non soamente porque é un acto solidario, no que todo o recadado vai para colaborar con Vontade e axudarlles a mellorar os servizos que ofrecen, como o de psicoloxía. Tamén é un plan moi atractivo e apetecible para o domingo, en familia, con amigos…”, recalca Anahíl González, de Espazo Vip peluquer@s, organizador do encontro.

Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello de Tomiño, Hotel Nova Colina, Medavita, Casaíta, Disgobe, Tomipan Flor y Nata, Woody Pool e Tapería Os Casqueiros.

Os organizadores esperan repetir o éxito das edicións anteriores, nas que unha grande afluencia de xente de Tomiño e arredores pasou durante toda a xornada pola Praza do Seixo para achegar o seu gran de área.