O Consello da Infancia de Tomiño celebra a súa segunda reunión cunha vintena de novos integrantes Acompañado pola concelleira de Infancia e Mocidade, o grupo abordou temas coma o regulamento da entidade e o reparto de funcións

A próxima xuntanza será en Goián o luns 7 de setembro

O Consello da Infancia e Adolescencia ‘Voces Novas’, de Tomiño, celebrou o pasado luns a súa segunda xuntanza despois do confinamento, cunha vintena de novos e novas integrantes.

A reunión tivo lugar ao aire libre, tal coma estaba previsto, na zona de Grixó (entre Barrantes e Tebra), cunha vintena de integrantes, procedentes dos colexios de Primaria e do IES Antón Alonso Ríos.

O tema principal de traballo foi a lectura e análise dos estatutos da entidade, tras o cal decidiuse modificalos para que as persoas maiores de 18 anos que formaban parte do Consello dende a súa fundación, puideran continuar participando, con voz pero sen voto. Deste xeito, os máis novos e novas poderán aproveitar a experiencia e o coñecemento dos maiores, que estiveron varios anos ao fronte do Consello, dende a súa fundación.

Asemade, acompañadas pola concelleira de Infancia e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinadas por Karina Bouzada, as novas e novos compoñentes, debateron sobre as responsabilidade dos membros e da designación e funcións dos cargos. A concelleira aproveitou a oportunidade para informarlles sobre a nova Aula de Estudo da Casa da Cultura que se abrirá en breve, con equipamento de internet, ordenadores, impresoras, etc.

Falaron tamén da instalación dunha placa que se vai colocar no Concello para sinalizar que Tomiño é Cidade Amiga da Infancia e Adolescencia.

Entre os temas que se tratarán na vindeira xuntanza, fixada para o luns 7 de setembro en Goián, quedaron a xestión do Instagram e outras cuestións do funcionamento.