Alberto Vilas sorprenderá ao público co seu concerto de piano no Espazo Fortaleza de Goián

Alberto Vilas sorprenderá ao público co seu concerto de piano no Espazo Fortaleza de Goián O recoñecido músico e compositor conquistará aos tomiñeses e tomiñesas con ‘Naialma’ o sábado 5 de setembro (20h) nun escenario privilexiado

Un marco incomparable para un concerto único. O recoñecido músico e compositor Alberto Vilas levará o seu piano ao Espazo Fortaleza de Goián o vindeiro sábado 5 de setembro para sorprender ao público cun concerto íntimo e persoal nunha contorna privilexiada, un auditorio natural ao aire libre no que o silencio é a nota predominante.

O artista redondelán achegarase a este espazo único á beira do río Miño para presentar ‘Naialma’, un proxecto musical con temas que foron crecendo ao longo do tempo ata encher toda unha mochila de vivencias persoais e profesionais e concibido para amosarse ao mundo en espazos onde o silencio natural enmarque a obra. Así, soamente co acompañamento do piano, Vilas conseguirá transmitir neste concerto moitos anos de memoria persoal que deron como resultado unha música evocadora capaz de levar a cada persoa do público a un recuncho distinto. Deste xeito, tras unha longa traxectoria e profesional, Vilas presenta ao público en Tomiño o seu primeiro traballo en solitario.

O concerto será ás 20.00 horas no Espazo Fortaleza, xunto á praia fluvial de Goián, a carón do río e preto da antiga fortificación de San Lourenzo. A entrada será de balde pero para acudir é preciso reservar con antelación chamando ao teléfono 986 622 001.

Toda unha vida na música

Alberto Vilas estudou piano no Conservatorio Profesional de Vigo con Chan-Rok Moon, composición con Carlos Cambeiro Alís e perfeccionou a técnica con María Jesús Crespo e Luiz de Moura. Entregado á música dende os 15 anos, vai aderezando tramas e texturas, color e harmonías e ata o de agora gravara a súa obra dentro de diferentes formacións de jazz, xénero ao que dedicou varios anos de aprendizaxe no Seminario de Jazz de Pontevedra e en numerosos cursos de especialización.

En 2011 publica ‘Experienza’, en 2014 ‘Crónica Cromática’ e dous anos despois ‘Ubuntu’. Ademais, dende 1988 forma parte do grupo Tangata, fundado polo bandoneonísta Artigas Anelo, integrado polo violinista David Veiga e o contrabaixista Gustavo A. Barcia e do que formou parte durante 25 anos a violinista Laura Quintillán. Con eles Vilas gravou catro traballos musicais, o último en 2018, ‘30 años’, un longo percorrido pola historia do tango. Pola súa banda, co tubista Eduardo Nogueroles gravou obras clásicas de P. Hindemith, B. Broughton, A. Plog e E. Crespo.

Alberto Vilas tamén é autor das bandas sonoras de documentais como ‘O Imperio Téxtil’, de Fernando Carreira; ‘Un Rebelde de Aceiro’, de Manolo Barros; ‘Ángel’, dedicado ao pintor e restaurador redondelán Ángel Barros; e ‘Semitonos’, de Pancho Salmerón, sobre a obra do pintor Fernando Morales.

Colaborou en discos de artistas moi diversos como a cantante Uxía, a quen tamén acompaña moitas veces en vivo; a cantante Sonia Lebedinsky; Magín Blanco; o polifacético actor Tatán; o gaiteiro Xulio Lorenzo e o cantautor galego Tino Baz. Ultimamente, puxo o seu piano ao servizo do mito portugués Vitorino.