Tomiño ofrece á mocidade cursos de verán en contacto coa natureza Coñecemento de plantas, descubrimento do medio e creación dun herbario, son as tres propostas que terán lugar no mes de xullo. As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web municipal  

Coa chegada do verán, o Concello de Tomiño organiza a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) distintas actividades en contacto coa natureza para realizar ao aire libre.

Concretamente, trátase de tres cursos que terán lugar durante o mes de xullo. A primeira en impartirse será unha actividade teórico-práctica para iniciarse no coñecemento das plantas, principalmente as silvestres, as autóctonas e as exóticas. As persoas que asistan recibirán nocións sobre clasificación de plantas, identificación, fotografía, herbarios, hábitats, flora ameazada e de interese en Tomiño, código de conduta, problemas de conservación, etc.

Celebrarase en Tomiño entre o 13 e o 16 de xullo, en horario de 11:00 a 13.00h. Terá preferencia a mocidade de 12 a 35 anos e un prezo de 10 euros por persoa.

O seguinte curso será o día 17 de xullo e leva por nome “Descubrimento do medio na ribeira do Miño”, con atención, tanto ás especies que vaian aparecendo, incluíndo os seus rastros, coma á localizacións coñecidas previamente con exemplares de interese.

Impartirase na ribeira do río Miño en horario de mañá e tarde (9.00 a 14.00 e 16.00 a 20.00h.) con xantar/pícnic que será a cargo das persoas participantes. Este curso terá un custe de 15 euros.

E por último, unha actividade dirixida a todas aquelas persoas interesadas na botánica e o mundo vexetal e con interese en aprender a realizar un herbario para o estudo de plantas secas ou como afección. Explicarase que é un herbario, con toma de datos de campo, recollida de e identificación de especies e técnicas de secado e conservación da materia. Será os días 19, 21 e 23 de xullo, co seguinte horario: luns de 10.00 a 14.00h, e mércores e venres de 10.00 a 13.00h.

 Como na anterior actividade, terá preferencia a mocidade de 12 a 35 anos e o prezo será de 15 euros.

A concelleira de Mocidade, Fátima Rodríguez, explica que a programación responde, tanto á época do ano, que permite organizar actividades ao aire libre, coma a necesidade de prever posibles contaxios do Covid-19 en espazos pechados.