Tomiño recolle case 100 quilos de residuos na xornada de limpeza simultánea de ríos Unha vintena de persoas voluntarias percorreron as beiras dos ríos da Pedra e Furnia para concienciar sobre a importancia de preservar os ecosistemas fluviais

Este domingo tivo lugar a XIV limpeza simultánea de ríos, unha xornada na que persoas voluntarias de máis de 65 entidades e concellos se achegaron aos ríos próximos para recoller o lixo presente nas súas beiras co fin de fomentar a participación da cidadanía na preservación e coidado dos ecosistemas fluviais.

No Concello de Tomiño esta actividade estivo organizada pola Concellería de Medio Ambiente en colaboración coa OMIX de Tomiño. En total participaron 18 persoas voluntarias (ademais de dous nenos e un bebé) que foron divididos en dous grupos. Un deles estivo composto por persoas usuarias do centro terapéutico Alborada ubicado en Piñeiro, polo que se decidiu limpar as beiras do río Furnia debido á súa proximidade. Este grupo estivo acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, recollendo un total de 40 quilos de lixo. O segundo grupo, do que formaban parte tamén varias persoas voluntarias da OMIX de Tomiño, encargouse de percorrer as beiras do río da Pedra acompañados pola técnica de Medio Ambiente Elisabeth Gómez, logrando eliminar 59 quilogramos de residuos.

Entre os residuos atopados atópanse botellas de vidro e plástico, restos de xoguetes, envoltorios, latas, tapacubos  e outros obxectos. “Chamounos a atención tamén atopar unha saqueta atada á vexetación da ribeira cunha cervexa dentro, entendemos que deixada alí para refrescar. Neste caso non se trata de algo intencionado, pero pedímoslle á xente que intente non esquecer ningún obxectos e recipientes coma estes porque tamén contribúen á polución dos ríos”, sinala a concelleira Ana Belén Casaleiro.

En total foron recollidos 99 quilogramos de lixo das beiras dos ríos da Pedra e Furnia, mellorando o resultado conseguido en 2020 na que se conseguira eliminar 85 quilos, o que supón todo un éxito da xornada. Desde a Concellería de Medio Ambiente queren dar as grazas ás persoas voluntarias pola súa participación e animan a toda a veciñanza a tomar conciencia sobre a riqueza que supoñen os ecosistemas fluviais e da importancia de preservalos.