Tomiño presenta o documental que recolle a súa tradición oral O grupo de voluntariado da OMIX entrevistou a xente maior do municipio para coñecer e difundir o seu legado

“Foron tempos” é o documental co que Tomiño quere homenaxear aos seus maiores ao tempo que recolle a súa tradición oral. O grupo de voluntariado con persoas maiores da OMIX percorreu, cámara en man, durante meses todas as parroquias do concello para coñecer e entrevistar a persoas maiores para difundir así o seu legado. 

A alcaldesa, Sandra González, quere “dar os parabéns aos voluntarios, voluntarias e o equipo do OMIX por este gran traballo”, e destaca “a importancia de manter o noso patrimonio oral a través destas iniciativas, xa que é unha riqueza inmaterial dun valor incalculable”. O documental está dispoñible nas redes sociais do Concello e nas da OMIX e “animamos a toda a veciñanza a desfrutar con el dos nosos maiores”, conclúe a rexedora. 

A mocidade voluntaria da OMIX tamén destacou que con este documental descubriron de primeira man “a importancia de escoitar de xeito activo ás persoas maiores, das que temos moito de aprender”.  E esperan que sexa un traballo que rompa estigmas, prexuízos e que poña en valor a figura da avoa ou avó como fonte de historia viva.