Tomiño vólcase na celebración do Día Internacional da Muller A programación inclúe desde un curso de autodefensa feminista ata teatro, cineforum e exposicións, pasando polo acto institucional que terá lugar na Praza do Seixo e no que o alumnado de secundaria lerá poemas e interpretará música conmemorativa

Tomiño vólcase na celebración do Día Internacional da Muller. A Concellalía de Igualdade organiza un amplo programa de actos, que comeza o día 4 co inicio dun curso de autodefensa feminista e no que hai cabida para obras teatrais, contacontos, cineforum e exposicións artísticas.

O acto central será ás 12 horas do día 8 de marzo na Praza do Seixo e consistirá na lectura da declaración institucional (por parte da alcaldesa e membros da corporación municipal); poemas e actuación musical a cargo do alumnado do IES Antón Alonso Ríos.

O día 13 de marzo, o Auditorio de Goián acollerá “Procúrase Pepa a Loba”, unha sesión de contacontos que comezará ás 17.30h.

O día 17 celebrarase para o alumnado do IES un Cineforum pola Igualdade conducido por unha experta.

O 18, a obra de teatro “Subterránea” ás 13.00h (tamén para o alumnado) e, ademais, unha proposta escénica a cargo de Mónica Sueiro, na que se tratará a visibilización de mulleres artistas ao longo da historia. Ambas actividades terán lugar no instituto de Tomiño.

Xa o día 26 de marzo, o Auditorio de Goián ofrecerá a partir das 21.00h, “12 uvas, dúas mulleres e unha oliva”, unha comedia da compañía Olivas Negras, con dirección de Marián Bañobre, que relata en clave cómica a historia de autosuperación e empoderamento feminino.

E ao longo de todo o mes de marzo estará nas rúas da vila a exposición comisariada por Conchi Garrido Rodríguez “Preto de ti! Mulleres artistas a pé de rúa”.

Cristina Martínez, concelleira de Igualdade, convida a toda a veciñanza a participar nos actos programados, lembrando a necesidade de visibilizar a todas as mulleres que traballan desde diferentes eidos por defender a igualdade entre os sexos, reivindicando a mellora das condicións de traballo, os dereitos civís, políticos, á educación e a unha vida sen violencia.

Todas as actividades son de balde e contan co apoio do Ministerio de Igualdad, Pacto de Estado contra la Violencia de Género, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño.