A alcaldesa de Tomiño visita Eslovenia para coñecer a cooperación transfronteiriza da cidade de Nova Gorica Acompañada polo presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, comparte experiencias con responsables doutros 11 países europeos 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asistiu os días 22 e 23 de maio na cidade eslovena de Nova Gorica, a un novo encontro internacional no marco do Proxecto BRIDGE, no que participaron tamén outros 11 socios europeos, coa finalidade de crear redes de cooperación en materia transfronteiriza e intercambiar boas prácticas.

 

Os delegados, entre os que tamén se atopaba o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira (Rui Teixeira), foron recibidos polo Alcalde de Nova Gorica, para despois ser informados dos principais proxectos transfronteirizos que comparten coa cidade italiana de Gorizia, entre os que destacan unha ponte para peóns e bicicletas, como a proxectada na Eurocidade Cerveira-Tomiño, e outras iniciativas de mobilidade alternativa.

Ambas cidades, cunha historia moi marcada polas consecuencias das dúas guerras mundiais, están tamén a organizar as actividades da Capital Cultural 2025, para o que foron escollidas baixo o lema: “Go Borderless” https://youtu.be/BBX9eSbHNJ0

Para a alcaldesa, a visita é “unha excelente oportunidade para aprender dunha das experiencias europeas máis recoñecidas en cooperación transfronteiriza”.

O Proxecto BRIDGE, coordinado pola Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira e financiado polo Programa Europa para cidadáns da Unión Europea, integra 11 entidades e municipios transfronteirizos de 11 países, co fin de promover a cidadanía e a cohesión social alén das fronteiras. Así, no proxecto participan, ademais de Tomiño e Cerveira, entidades de Bulgaria, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Italia, Chipre, Lituania e Letonia.

O BRIDGE prevé novos encontros en Bulgaria/Serbia e Lituania/Letonia nos que se abordarán temas relacionados coa financiación de programas e oportunidades para promover a cooperación transfronteiriza e europea; e iniciativas de cooperación transfronteiriza nas áreas social e ambiental.

Foto principal: alcaldesa e alcalde de Nova Gorica (Eslovenia).

Foto secundaria: alcaldesa de Tomiño, alcalde de Gorizia (Italia) e presidente Cámara de Vila Nova de Cerveira.