Chega á igrexa Santa Mª de Tomiño o Dúo Parbö dentro do ciclo Música e Románico A cita será ás 20.30h e previamente ao concerto haberá unha pequena explicación para comprender mellor as particularidades arquitectónicas e históricas deste templo tomiñés de época románica  

Este venres, 22 de xullo, volta o Ciclo Música e Románico organizado polo Concello de Tomiño dentro da súa axenda cultural de verán.

Nesta ocasión será Parbö, formado por dous excelentes músicos (Anxo Pintos e Begoña Riobó), quen nos deleite coa interpretación dunha escolma das cantigas de Martín Códax e das de Afonso X, nas que utilizan instrumentos antigos coma a zanfona, a harpa céltica, o violín, etc.

A cita será ás 20.30h e previamente ao concerto haberá unha pequena explicación para comprender mellor as particularidades arquitectónicas e históricas deste templo tomiñés de época románica.

Parbö defínese a si mesmo como un “Ensemble exiguo de músicas contempo-devanceiras formado por Begoña Riobó e Anxo Pintos”. Este último é un coñecido músico multiinstrumentista e compositor, que comezou os seus estudos musicais aos oito anos, chegando a tocar a gaita, a zanfona, o violín, o saxo soprano e a frauta de bico, entre outros.

Cofundador do grupo de gaitas Alfolíes, do Grupo Didáctico de Instrumentos Musicais Populares Galegos, da Banda de Gaitas Xarabal, do grupo Matto Congrio e de Berrogüetto, no 1995. Posteriormente fundou o trío Lizgairo, e ten colaborado con outros músicos e grupos, entre os que cabe citar a Milladoiro, The Chieftains, Los Piratas, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, Mercedes Peón, etc.

Ademais, foi mestre de zanfona durante moitos anos no Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo e presidiu a Fundación SondeSeu.

Begoña Riobó, pola súa banda, é licenciada en Historia da Arte e unha das violinistas con máis proxección artística da música galega. Profesora na escola de música tradicional de Vigo E-trad, onde imparte clases de arpa céltica e cofundadora da orquestra SonDeSeu, coa cal editou numerosos discos dende o 2003. No 2011 publicou o seu primeiro disco co grupo Riobó, o cal recibe o mesmo nome e que a deu a coñecer como violinista solista.

Igrexa de Santa María de Tomiño

Este templo é referente para o románico do sur de Pontevedra. A súa existencia remóntase ao século XII, onde xa existía un mosteiro benedictino feminino. A igrexa de Tomiño é o único que se conserva do mosteiro e mantén un marcado carácter románico, sobre todo na súa fantástica portada. A igrexa de Santa María de Tomiño foi reformada en 1809 co que perdeu gran parte do seu estilo orixinal. Trátase dunha igrexa dunha soa nave e unha ábsida rectangular, con muros de sillares de granito. Na parte esquerda presenta un campanario cadrado e remate octogonal.